luns, 20 de decembro de 2021

Campamento de Nadal e benvida ao Nadal no comedor.


Estimadas familias, queremos aproveitar para desexarvos un bo nadal e un moi feliz 2022. 

A coordinadora da ANPA indícanos que o próximo martes, 21 de decembro, teñen pensado organizar unha pequena festa de nadal durante o servizo de comedor polo que os nenos e nenas que ese día queden a comer poderán traer algunha vestimenta navideña.

No tocante ao Campamento de Nadal,  será ofrecido sen xantar. Como indicábamos no correo do 30/11/2021, era necesario chegar a un mínimo de 15 comensais por día para poder costear sen perdas o servizo ofrecido pola empresa de cátering. Polo tanto, de non recoller aos nenos e nenas ás 14:00 horas, as familias poderán optar por traer a comida da casa. 

Desenvolvemento do servizo.

O Campamento de Nadal desenvolverase os días 22,23,27,28,29 e 30 de decembro do 2021 e os días 3,4,5 e 7 de xaneiro do 2022. Calquera cambio que puidera producirse pola aplicación de novas medidas por parte das autoridades educativas será comunicada ás familias á maior brevidade posible.

horario de chegada, no caso de non solicitar madrugadores, será de 9:00 a 10:00. Non se poderá acceder ao campamento despois das 10:00.

horario de recollida será ás 14:00 (sen comida) ou ás 16:00 (se xantan no campamento). Prégase que respectedes estes horarios, recordando que no caso de incumprimentos reiterados na hora de chegada ou de recollida procederase a aplicar a normativa de recollida especificada nas normas xerais da Anpa.

Tanto para a entrada como para a saída, as familias deberán acceder ao recinto a través da cancela lateral que está ao lado do pavillón municipal, que únicamente estará aberta de 7:45 a 10:00 e a partir das 13:50. Os nenos e nenas entrarán pola porta do salón de actos situada no patio cuberto. 

As rutinas diarias serán as seguintes: 

De 9: 00 a 10:00 Recepción.

De 10:00 a 10:30 Movemos o corpo.

De 10:30 a 11:00 Cancións de campamento.

De 11:00 a 11:30 Hora da merenda.

De 11:30 a12:00 Descanso.

De 12:00 a 13:45 Obradoiros/xogos/cine.

De 13.50 a 14.00 Preparación para o xantar ou para a entrega ás familias. 

De 14.00 a 15:00 Xantar

De 15.00 a 16.00 Xogo libre.

ÁS 16.00 Remate da xornada.

Diariamente haberá certas rutinas fixas, como actividade física ou cancións de campamento. Os luns estarán dedicados a facer múltiples xogos (xogos populares, olimpíadas infantís, etc). O resto da semana haberá obradoiros diversos, manualidades para que os nenos e nenas poñan en práctica a súa imaxinación e creatividade, cine, teatro. Tamén realizaremos outro tipo de actividades como bailes, murais, escenas con plastilina, que dependerán do número de nenos que haxa cada día, das súas idades e dos gustos de cada un. Debido á situación (COVID-19), os obradoiros poderán ser substituídos por xogos e actividades no exterior, dependendo das condicións meteorolóxicas. 

Os nenos estarán divididos en grupos burbulla por curso escolar. Á hora de realizar os obradoiros terase en conta que se adapten aos rapaces, empregando sempre materiais que non sexan perigosos e que sexan axeitados para as necesidades de cada neno ou nena. Procurarase en cada actividade a integración e a participación activa de todos e todas as participantes, de xeito que as xornadas do Campamento de Nadal provoquen unha actitude de colaboración, cooperación e participación que fomente unha boa convivencia e un sentimento de compañeirismo. 

Un saúdo e moi felices festas. 




martes, 30 de novembro de 2021

Campamento de Nadal 2021/2022.

Estimadas familias,

Xa está aberta a inscrición para o campamento de Nadal 2021/2022.


Horario e prezos:

De 7:45 a 9:00 (madrugadores: 1,90 euros por día). Opcional.

De 9:00 a 14:00 (actividades: 6 euros por día)

De 14:00 a 16:00 (xantar: 5,euros por día). Opcional.


Información importante sobre o servizo de comedor.

O servizo de xantar será servido pola empresa Ruta Jacobea e serán necesario chegar a un mínimo de 15 comensais por día para poder ofrecelo. Soamente no caso de non chegar a este mínimo as familias poderán traer a comida da casa. (Neste caso haberá que pagar 1,50 € en concepto de gastos de persoal). Será preciso informar á coordinadora sobre calquera intolerancia alimentaria ou alerxia antes de realizar o pagamento.


Formalización da inscrición.

Deberá facerse o ingreso na conta de ABANCA: ES80 2080 0349 8230 4000 2656.

O xustificante de pago, xunto co formulario debidamente cuberto, enviarase á coordinadora (Mamen) por correo electrónico ao enderezo coordinadoralamas@gmail.com(Recordamos que tanto as inscricións como os xustificantes de pago de todos os servizos (comedor, madruga, actividades e campamentos) deben ser enviadas ao enderezo electrónico da coordinadora da ANPA)

A data límite para anotarse será o venres, 10 de decembro do 2021.

A reserva ordenarase pola data de pagamento e o número máximo de usuarios será de 50, sendo necesario chegar a un mínimo de 10 persoas anotadas para que o campamento se poida levar a cabo.


Desenvolvemento do servizo.

O horario de chegada, no caso de non solicitar madrugadores, será de 9:00 a 10:00. Non se poderá acceder ao campamento despois das 10:00.

O horario de recollida será ás 14:00 (sen comida) ou ás 16:00 (se xantan no campamento). Prégase que respectedes estes horarios, recordando que no caso de incumprimentos reiterados na hora de chegada ou de recollida procederase a aplicar a normativa de recollida especificada nas normas xerais da Anpa.

FORMULARIO CAMPAMENTO NADAL


Nota:

O formulario, unha vez descargado no noso equipo, pódese enviar electronicamente seguindo uns sinxelos pasos. Unha vez cuberto pódese imprimir escollendo a opción de “Guardar como pdf”, “Microsoft Print to PDF” ou similar e deste modo quedará gardado no ordenador. Ese arquivo conterá o formulario cuberto e será o que se debe enviar a coordinadoralamas@gmail.com.


Un saúdo.


domingo, 28 de novembro de 2021

Actividades extraescolares

 Estimadas familias, 

en primeiro lugar queremos informar que o próximo luns, 29 de novembro, comezarán as actividades extraescolares.
Finalmente non poderán organizarse as seguintes: Xogos predeportivos, Rítmica para infantil, Kárate, Baloncesto, EmocionArte, ProyectArte e Xadrez. 

O resto (Rítmica (1º-6º), Patinaxe, Futbiño e Balonmán) realizaranse segundo o horario previsto, aínda que no caso de Futbiño haberá un só grupo, os martes e xoves, de 16:30 a 17:30, e a actividade non comezará até o xoves, 2 de decembro, por mor das tarefas de mantemento que se realizarán no pavillón. 

Este é o cadro definitivo das actividades extraescolares para o curso 2021/2022





Os nenos e nenas deberán traer roupa cómoda (chándal ou mallas), e no caso de rítmica (Primaria) uns calcetíns, xa que a actividade realizarase sen calzado. 
Os patíns deberán vir dentro dunha mochila, e poderán quedar no pavillón, nun baúl do que dispón a ANPA. Tanto a mochila como os patíns deberán vir marcados con nome e apelidos. 
Recordade, por último, que non está permitido o acceso ao pavillón.

En canto á ludoteca, ofrecerá o servizo os luns e os mércores, de 16:30 a 18:30 e os martes e xoves de 16:30 a 17:30. 
O servizo será para infantil e primaria, e a programación será a seguinte:

Luns: Actividades medioambientais e ciencia divertida.
Martes: Artes plásticas.
Mércores: cine e animación á lectura
Xoves: Xogos. 

Se queredes facer uso deste servizo podedes inscribirvos a través do formulario da federación, seguindo as instrucións que se conteñen no mesmo.  

venres, 26 de novembro de 2021

Menús do mes de decembro 2021.

 Estimadas familias, 

xa están á vosa disposición os menús dos comedores para o mes de decembro.

Recordade que podedes acceder a estes, e aos dos meses anteriores, no apartado MENÚ COMEDORES deste blog.

Un saúdo e moitas grazas. 



martes, 23 de novembro de 2021

Nota informativa sobre o xoves, 25 e o martes, 30 de novembro.

 Estimadas familias, 

dende Hostalaría infórmannos que o próximo xoves, 25 de novembro, por mor da folga de estudantes convocada, non poderán ofrecer o servizo de comedor, polo que ese día as nenas e nenos de 4º, 5º e 6º de Primaria comerán o menú de cátering ofrecido pola empresa Ruta Jacobea.

Ademais, dende o Concello de Santiago de Compostela informaron que o martes, 30 de novembro, o Pavillón Lamas de Abade estará pechado durante todo día por tarefas de mantemento. Ese día, os usuarios do comedor de 1º, 2º e 3º de Primaria serán recollidos, ao igual que o resto do alumnado de Primaria, na porta do patio de columnas. Ademais non se desenvolverán as actividades extraescolares que puideran estar programadas para ese día no pavillón (futbiño e baloncesto).

Lamentamos as molestias que isto poida ocasionar.

Un saúdo e grazas.

luns, 22 de novembro de 2021

Ampliación do prazo para inscribirse nas actividades extraescolares 2021/2022.

 Estimadas familias, 

unha vez rematado o prazo de inscrición nas actividades extraescolares para o curso 2021/2022 queremos informar que co número de inscricións solicitadas soamente poderían ofrecerse catro actividades: Patinaxe A, Patinaxe B, Rítmica Primaria e Balonmán 4º-6º, que xa chegou ao número máximo de usuarios. (Recordade que é preciso un mínimo de 10 solicitudes por actividade para que esta poida levarse a cabo).




Polo tanto, amplíase o prazo até o próximo xoves, 25 de novembro para inscribirse nas actividades extraescolares (excepto Balonmán para 4º e 6º, que xa chegou ao número máximo de inscricións). 



Agardamos que algunha outra actividade poida chegar ao mínimo de 10 inscricións.
O venres, 26 de novembro, informaremos sobre que outras actividades, ademais das catro mencionadas, acadaron o mínimo solicitudes para que poidan realizarse.

Un saúdo. 


Nota:
O formulario, unha vez descargado no noso equipo, pódese enviar electronicamente seguindo uns sinxelos pasos. Unha vez cuberto pódese imprimir escollendo a opción de “Guardar como pdf”, “Microsoft Print to PDF” ou similar e deste modo quedará gardado no ordenador. Ese arquivo conterá o formulario cuberto e será o que se debe enviar a coordinadoralamas@gmail.com.






sábado, 13 de novembro de 2021

Inscrición actividades curso 2021/2022

 Estimadas familias, 

o próximo martes, 16 de novembro, ás nove da mañá, abrirase o prazo para facer a inscrición nas actividades extraescolares ofertadas pola ANPA para o curso 2021/2022. O prazo remata o venres, 19 de novembro, ás 16:00 h. Non se admitirán solicitudes presentadas antes de tempo. 

Recordade que para que unha actividade poida desenvolverse, deberá ter un mínimo de 10 inscricións. O número máximo de usuarios e os prezos veñen reflectidos no cadro seguinte.



Como en cursos anteriores, as prazas asignaranse segundo a orde de inscrición, tendo preferencia aquelas persoas que estiveran anotadas na actividade o último curso no que se realizaron. 

O pagamento das actividades extraescolares ofertadas pola ANPA realizarase mensualmente, entre os días 1 e 10 de cada mes.

O formulario para inscribirse nas actividades extraescolares organizadas pola ANPA enviarase preferentemente por correo electrónico a Mamen, a coordinadora da ANPA (coordinadoralamas@gmail.com) ou entregarase en formato papel.

Aquelas familias que desexen facer uso da Ludoteca da Federación de ANPAS deberán cubrir o formulario da propia federación, seguindo as indicacións sobre inscrición e pagamento que se inclúen no mesmo. Estas solicitudes haberá que envialas ao enderezo electrónico santiago@actex.es.

A inscrición nas actividades supón a aceptación das normas xerais da ANPA que podedes consultar neste mesmo blog, no apartado de Normas Xerais. Polo tanto, segundo o establecido no apartado G, punto 1, aquelas familias que non sexan socias da ANPA deberán abonar 27 € en concepto de matrícula e pagar o correspondente seguro escolar.  

O mércores 24 informaremos ás familias sobre a adxudicación de prazas e sobre o comezo das actividades, que en principio será o luns, 29 de novembro.

Por último, sinalar que mentres duren as medidas pola COVID-19, a duración das actividades terá que ser de 50 minutos para que dea tempo a facer as tarefas de desinfección entre cada actividade. Ademais, as nenas e nenos deberán traer unha mascarilla cirúrxica nova para usar despois do comedor, e no caso de actividades deportivas, unha por cada unha das actividades que realicen.

Aquí podedes consultar o dosier con toda a información sobre cada unha das actividades.



Formulario actividades ANPA

Formulario Ludoteca Federación.

Un saúdo.



xoves, 4 de novembro de 2021

Acordos da Asamblea Xeral do 21/10/2021.

 Estimadas familias, 

Este é un resumo do acordado na pasada Asemblea xeral do 21/10/2021. 


Aquí podedes acceder ao contido íntegro da Acta da reunión.

Un saúdo.


martes, 26 de outubro de 2021

Menús do mes de novembro 2021.

 Estimadas familias, 

xa están á vosa disposición os menús dos comedores para o mes de novembro.

Recordade que podedes acceder a estes, e aos dos meses anteriores, no apartado MENÚ COMEDORES deste blog.

Un saúdo e moitas grazas. 





venres, 15 de outubro de 2021

A implicación das familias na prevención da violencia de xénero.

 Estimadas familias, 


A Federación de ANPAS Compostela organiza o martes, 19 de outubro, unha charla para afondar na participación activa das familias na prevención da violencia de xénero. 




Esta é a información que nos fixeron chegar para darlle a maior difusión posible:

CHARLA: A implicación das familias na prevención da violencia de xénero.
(Dirixida a familias do alumnado de Educación Infantil e Primaria)

A violencia de xénero é un problema estrutural e sistémico no que todas as institucións temos que implicarnos conscientemente. Nesta charla conversaremos sobre as formas nas que, sen nos decatar, podemos chegar a reproducir modelos, formas de pensar, estereotipos discriminatorios, ou alentar condutas que non propician o cambio que desexamos. Trataremos de comentar aspectos das relacións afectivas familiares que si inciden positivamente na eliminación desta violencia.

Relatora: Amada Traba, profesora da Universidade de Vigo.

Data: 19 de outubro de 2021
Hora: 17:30 horas
Lugar: Presencialmente no local da FANPA COMPOSTELA, Rúa Estocolmo, 8 - Compostela.
(O aforo do local é limitado polo que unha vez se chegue a 12 inscritos/as "presenciais", o resto de inscritas deberán asistir vía online)

As inscricións faranse en liña, cubrindo o seguinte formulario: https://forms.gle/ft5mnkwGdKnCiwSH8

Agardamos que esta información sexa do voso interese.

Un saúdo. 

xoves, 14 de outubro de 2021

Convocatoria da 1ª Asemblea Xeral Ordinaria (Curso 2021/2022)

 

Estimadas familias, tal e como vos fixemos chegar por correo electrónico, a próxima semana terá lugar a 1ª Asemblea Xeral Ordinaria (Curso 2021/2022) de persoas socias da Asociación de Nais e Pais do CEIP Lamas de Abade.



Día: Xoves, 21 de outubro de 2021.

Hora: 16:00 (Primeira convocatoria) 16:30 (2º convocatoria)

Lugar: No patio cuberto do centro (na parte de atrás)



ORDE DO DÍA:

  1. Aprobación, se procede, da acta da sesión anterior. Coa convocatoria fíxose chegar ás familias a acta da última reunión da Asemblea Xeral (27/10/2020, de maneira telemática) para que as persoas socias poidan realizar alegacións ou precisións á mesma.

  2. Información sobre o estado de contas.

  3. Información sobre o inicio do curso e funcionamento dos servizos de comedor e madruga.

  4. Organización de actividades extraescolares a partir do mes de novembro.

  5. Aprobación do documento de Normas Xerais, incluíndo o sistema de reserva, anulación e adxudicación de prazas naqueles casos nos que as solicitudes superen as prazas dispoñibles. (Achegouse o documento e incorporouse información no ANEXO da convocatoria)

  6. Incorporación de novas socias á Xunta Directiva. (Incorporouse información no ANEXO da convocatoria)

  7. Rogos e preguntas



Ese día, as familias que o precisen poderán facer uso dun servizo de ludoteca, de xeito gratuíto e previa reserva. Se ides facer uso deste servizo indicádeo a través dun correo ao enderezo electrónico da ANPA anpaceiplda@gmail.com.



Se algunha persoa socia non recibiu a convocatoria e o resto de documentación que vos fixemos chegar, pode poñerse en contacto coa directiva a través do enderezo electrónico anpaceiplda@gmail.com.



Nota: De acordo co artigo 24 dos Estatutos que regulan esta asociación, as asembleas quedarán validamente constituídas en 1ª convocatoria cando estean presentes a maioría dos socios/as e en 2ª convocatoria, sexa cal sexa o número de socios/as presentes. Os acordos tomaranse por maioría simple das persoas presentes ou representadas, cando os votos afirmativos superen aos negativos, non sendo computables a estes efectos os votos en branco nin as abstencións.



Un saúdo.

A xunta directiva da ANPA do CEIP Lamas de Abade.

mércores, 15 de setembro de 2021

Formulario de inscrición de familias socias 2021/2022

 Estimadas familias

como sabedes, ao comezo do curso escolar as familias socias da ANPA CEIP Lamas de Abade deben pagar a cota de socio (familiar) e o seguro de accidentes (por cada neno ou nena).

Aquelas familias que aínda non son socias da ANPA deberán cumprimentar tamén o Formulario de inscrición de familia socia.

A cota de socio para o curso 2021/2022 é de 27 € ao ano por familia e a cota do seguro de accidentes é de 6 euros por alumno/a.

Ambos pagamentos deberán realizarse seguindo as instrucións contidas no formulario, indicando no concepto de cada un deles "Nome da persoa socia + cota ANPA" "Nome alumno/a + cota seguro" segundo corresponda, antes do 15 de outubro. Tamén se poderá facer unha única transferencia con todas as cotas xuntas.

Para completar a inscrición deberá enviar o xustificante de ambos pagos preferentemente por correo electrónico ao enderezo coordinadoralamas@gmail.com ou entregarllo á coordinadora. Infórmaselle de que no caso de non realizar o pago da cota anual de socio daráselle automaticamente de baixa como socio da ANPA CEIP Lamas de Abade.

As familias que xa son socias e queiran modificar algún dato da ficha de socios (incluír un novo irmá ou irmán, cambios de enderezo ou de teléfonos) poderán empregar tamén o Formulario de inscrición de socio. Da mesma maneira, se queren modificar a relación de persoas autorizadas para recoller ao alumno/a deberán actualizar o apartado correspondente no Formulario de inscrición. Este documento, unha vez cuberto e asinado, deberá ser enviado preferentemente por correo electrónico ao enderezo coordinadoralamas@gmail.com ou entregarllo á coordinadora.

Un saúdo .

martes, 14 de setembro de 2021

Información sobre o comedor de primaria

 

Estimadas familias, 

queremos informarvos que a partir do luns, 27 de setembro, o servizo de comedor de primaria será ofrecido nunha soa quenda.



Dende Hostalaría comunicáronnos que neste curso habilitarán de novo o seu comedor, pero que seguen poñendo á nosa disposición o espazo que viñamos empregando até o de agora para servir os menús. Deste xeito, todo o alumnado de primaria poderá xantar ao mesmo tempo, aínda que en dous espazos distintos. Coidamos que este é un avance importante cara a normalidade na prestación deste servizo xa que nos permite eliminar o tempo de espera antes de xantar e posibilita que os usuarios poidan comer con calma.


Tamén nos indicaron que van comezar a retomar a elaboración de menús, pero que por cuestións de organización interna, de momento só poderán facerse cargo dos menús dos nenos e nenas de 4º, 5º e 6º.


Polo tanto, a partir do luns, 27 de setembro, todo o alumnado de primaria xantará na mesma quenda. Os de 1º, 2º e 3º farano no mesmo espazo que o fixeron durante o curso pasado, e o menú será elaborado, igual que no comedor de infantil, pola empresa de cátering “Ruta Jacobea”. As nenas e nenos de 4º, 5º e 6º volverán a xantar no comedor de Hostalaría, e será o alumnado do CIFP “Compostela” quen elabore e sirva os menús. Como indicamos no comunicado inicial, confiamos en que ao longo do curso a situación vaia normalizándose de todo e finalmente sexa Hostalaría a que volva elaborar os menús para todo o alumnado de primaria.


A recollida será a partir das 15:45, aínda que este horario é sempre orientativo, podendo producirse atrasos dependendo das incidencias que poidan producirse durante o servizo de comedor. Os alumnos de 1º, 2º e 3º de Primaria sairán pola porta do pavillón mentres que os de 4º, 5º e 6º agardarán no patio de columnas e recolleranse na porta lateral do centro, a que está ao lado do pavillón. A hora máxima de recollida serán as 16:30.


Un saúdo e moitas grazas.





martes, 7 de setembro de 2021

Comunicación inicio de curso 2021/2022

 


Estimadas familias

Agardamos que todas e todos esteades ben e co ánimo suficiente para comezar un novo curso escolar.


Como informamos no mes de xullo, este curso será posible ofrecer os servizos de comedor e de madruga a todas as familias que o solicitaron no mes de xuño. Indicábamos tamén que os servizos serían prestados de maneira semellante ao curso pasado, sen embargo, despois de realizar algunhas modificacións no comedor do Centro conseguiuse o espazo suficiente para que o alumnado de educación infantil poida xantar na mesma quenda.


De momento, as nenas e nenos de primaria seguirán en dúas quendas. Na primeira xantará o alumnado de 1º, 2º e 3º de Primaria e na segunda quenda os de 4º, 5º e 6º.


As horas de recollida quedarán da seguinte maneira:


Comedor de infantil:

A partir das 15:15



Comedor de Hostalaría:

1ª quenda: a partir das 15:15

2ª quenda: a partir das 16:15



A hora máxima de recollida serán ás 16:30. Somos conscientes de que para moitas familias pode resultar difícil conciliar os seus horarios, pero temos que insistir en que respectedes de maneira rigorosa o horario de saída. Os alumnos de Primaria sairán pola porta do pavillón municipal mentres que os de infantil recolleranse na porta principal do centro, intentando sempre evitar aglomeracións dentro do recinto escolar.


As quendas establecidas e os grupos burbulla (compostos polos alumnos e alumnas de cada aula), serán fixas durante todo o curso escolar polo que non existirá a posibilidade de cambialas baixo ningunha circunstancia.


Por último, o servizo de comedor para infantil e para primaria será ofrecido pola empresa de cátering “Ruta Jacobea”. Confiamos en que ao longo do curso, e dependendo das medidas que vaian establecendo as autoridades educativas e sanitarias, Hostalaría retome a elaboración dos menús para todo ou parte do alumnado de primaria.

No tocante ao Servizo Madruga, a entrada farase dende ás 7:30 ás 8:30, aínda que aqueles usuarios que vaian almorzar terán que chegar de maneira obrigatoria antes das 8:20. Os nenos e nenas serán recollidos polo persoal da ANPA na porta principal do Centro, sendo necesario un rigoroso cumprimento da hora de chegada para que os nenos e nenas teñan o tempo suficiente para almorzar con tranquilidade.


Ao igual que aconteceu o ano pasado, e debido á situación excepcional provocada polo COVID-19, a equipa directiva decidiu que o prazo para anular ou modificar os días de uso do comedor ou do servizo madruga será até o 23 de setembro. Pregamos, sen embargo, que no caso de que vaiades darvos de baixa dalgún servizo enviedes un correo electrónico ao enderezo coordinadoralamas@gmail.com á maior brevidade posible.


Estamos a traballar para volver a organizar actividades extraescolares ao longo do presente curso académico. De momento podemos adiantar que o número de prazas ofertadas será menor que en anos anteriores, polo que debemos perfilar un sistema transparente e obxectivo que permita decidir quen obtén praza no caso de que haxa máis inscritos dos que poden participar nas actividades. En canto teñamos a información completa sobre as extraescolares que finalmente podemos organizar, os horarios e os custos mandaremos unha nota informativa ás familias socias, ademais de publicar a información no blog da ANPA e de solicitarlle ao Centro que envíe esta información a través do ABALAR. De calquera modo, o criterio para determinar que familias obteñen praza será sometido a votación na próxima Asamblea Xeral, que agardamos que poida ter lugar de xeito presencial antes de que remate o mes de setembro.


O prazo para pagar a cota de socio (27 €) e o seguro (6 €) rematará o 15 de outubro. Enviarase un correo electrónico informando sobre a maneira de facer o pagamento, así como o formulario de inscrición para as familias novas (ou aquelas que teñan que facer algún cambio nos seus datos ou autorizar a novas persoas para a recollida das nenas e nenos).


En canto ao custo dos servizos, mantense o prezo do ano pasado: Comedor (5’70 € / día) e Servizo Madruga (1’90 € / día). Nos próximos días recibiredes o recibo do mes de setembro. Para o resto do curso, os pagamentos realizaranse entre os días 1 e 10 de cada mes. O xustificante do pagamento debe enviarse á conta de correo electrónico coordinadoralamas@gmail.com.



Un saúdo e moitas grazas


luns, 19 de xullo de 2021

Banco de libros


Estimadas familias, 

en primeiro lugar queremos agradecer a vosa participación no Banco de Libros da ANPA.

Unha vez recibidas todas as doazóns e feito o reparto, a coordinadora indicounos que se puxo en contacto con cada unha das familias para informar dos libros da ANPA que vos corresponden.

Indicounos tamén que quedan algúns libros no banco, polo que se non fixestes a solicitude no seu momento, ou se coñecedes a algunha familia que poida estar interesada, debedes poñervos en contacto coa coordinadora da ANPA a través do enderezo electrónico coordinadoralamas@gmail.com.

Por último, recordade que a entrega de libros será, igual que a recollida, no espazo habilitado na parte de atrás do centro (patio cuberto), do luns 26 de xullo ao venres 30 de xullo, en horario de 10:00 a 13:30. ( Os días 26 e 28 tamén de 16:00 a 18:00).

Un saúdo e moitas grazas pola vosa colaboración.



xoves, 15 de xullo de 2021

Comedor e servizo madruga 2021-2022.

 

Estimadas familias, unha vez rematado o prazo de inscrición nos servizos de comedor e madruga para o curso 2021-2022 queremos informarvos que todas as solicitudes están admitidas, e que tedes reservados os días de uso que marcastes nos formularios.

Recordámosvos que para dar cumprimento ao protocolo de adaptación ao contexto do COVID-19 nos centros de ensino non universitario de Galicia para o curso 2021-2022 (publicado pola Consellería o 06/07/2021), os servizos serán prestados da mesma maneira que durante o curso pasado.

Informaremos puntualmente sobre calquera cambio que puidera producirse e antes de que comecen as clases achegaremos toda a información sobre a organización dos servizos, as quendas, os horarios e os lugares de recollida, dependendo sempre das posibles modificacións que vaia establecendo a Consellería de Cultura, Educación e Universidade para o curso 2021-2022.

Se por algún motivo tedes que darvos de baixa ou anular días de comedor ou madruga, pregamos que o fagades o antes posible, e de maneira obrigatoria antes do 6 setembro para os días do mes de setembro. Lembrade que a reserva é anual e que excepcionalmente este ano fixamos o 23 de setembro como data límite para anular días da solicitude inicial. O enderezo electrónico da coordinadora da ANPA é coordinadoralamas@gmail.com.

Un saúdo e feliz verán. 


venres, 18 de xuño de 2021

Banco de libros 2021/2022



Estimadas familias:


Un ano máis a ANPA pon en marcha o BANCO DE LIBROS para o vindeiro curso 2021-2022.


Como sabedes, esta iniciativa consiste en entregar aqueles libros de texto da vosa propiedade para que poidan ser empregados por outras rapazas e rapaces no seguinte curso. Trátase de facer un reparto xusto e equitativo, polo que as familias que incorporen exemplares ao banco de libros da ANPA terán dereito a recibir outros, sempre que haxa os que soliciten e intentando que todas as familias se beneficien dun xeito similar. Por último, a solicitude de libros é independente da doazón ou devolución, polo que calquera familia pode solicitar exemplares do Banco de Libros da ANPA. As familias non socias recibirán como máximo o mesmo número de libros que doen ao banco, a non ser que sobren existencias.


Para o curso 2021-2022 poderán aproveitarse todos os libros de 3º, 4º e 6º de primaria, ademais dos de música e lecturas de 1º e 2º. Este curso para 5º de primaria non haberá libros senón que as clases serán impartidas a través do proxecto E-DIXGAL, polo que os libros de 5º de primaria quedarán fora do banco, tanto para doazóns como para solicitudes.


A recollida dos libros doados e dos prestados no curso anterior será do mércores, 23 de xuño ao martes, 29 de xuño, en horario de 10:00 a 13:30. (Os días 23 e 28, tamén de 16:00 a 18:00).


Todos os libros, tanto os que sexan doazóns como as devolucións dos prestados o curso pasado, serán entregados, de maneira obrigatoria, co formulario debidamente cumprimentado.


Os libros serán depositados no espazo habilitado na parte de atrás do centro (patio cuberto) para que a coordinadora poida recollelos cumprindo coas medidas de distanciamento que poidan estar vixentes. En todo caso, ninguén poderá acceder ao interior do edificio.


No caso de non devolver nin doar ningún libro, o formulario poderá enviarse ao enderezo electrónico coordinadoralamas@gmail.com, antes do martes, 29 de xuño de 2021.


A preparación dos lotes será durante as primeiras semanas do mes de xullo. As familias recibirán unha comunicación na que se indicará que libros do banco de libros da ANPA lles corresponden para que poidan mercar os que lles faltan.


A entrega de libros realizarase do luns 26 de xullo ao venres, 30 de xullo, en horario de 10:00 a 13:30. (Os días 26 e 28, tamén de 16:00 a 18:00).


Recordade que só se poden doar os libros que sexan propiedade das familias, quedando fóra aqueles concedidos pola Consellería de Educación e que forman parte do Fondo de Libros do Centro. Por outra banda, os libros prestados pola ANPA o curso pasado deben ser devoltos obrigatoriamente á coordinadora da ANPA, e van identificados co distintivo da Asociación.


A persoas encargadas da xestión do banco comprobarán que os libros se atopan en bo estado (enteiros, limpos, borrados, etc), podendo rexeitar unha doazón ou demandando que o usuario repoña un exemplar prestado no caso de apreciar un deterioro por uso neglixente do mesmo.


Recordade, por último, que os libros doados pasan a ser do banco de libros da ANPA.



FORMULARIO





Atentamente,

A directiva da ANPA do CEIP Lamas de Abade.



xoves, 17 de xuño de 2021

Información xeral de peche de curso.

 Estimadas familias,

Achegamos un novo boletín informativo no que recollemos un pequeno resumo de como foi o curso 2020-2021 e avanzamos algunhas cuestións de cara ao próximo ano escolar. 

Iremos informando puntualmente sobre todas as novidades que se vaian producindo, sobre todo no referente á posibilidade de retomar as actividades extraescolares e a organización do servizo de comedor. 

Un saúdo, e moi feliz verán.





.

martes, 8 de xuño de 2021

Convocatoria das bolsas do Concello para comedor, adquisición de material escolar e realización de actividades durante o curso 2021-2022.

O martes 8 de xuño publicouse no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a convocatoria das bolsas do concello de Santiago de Compostela para comedor, adquisición de material escolar e realización de actividades durante o vindeiro curso 2021-2022. Toda a información está dispoñible na páxina WEB do concello, www.santiagodecompostela.gal.


Salientar que as familias que desexen solicitar bolsa este ano, dispoñen de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte á publicación no BOP, para presentar a súa solicitude no Concello, polo que o prazo comeza o 9/6/2021 e remata o 22/6/2021 (incluído).


Por último informar que tal e como ten feito estes anos, esta ANPA presentará a solicitude para actuar como entidade colaboradora do concello para a xestión destas axudas.


A continuación tedes as bases da convocatoria en formato PDF.





Bases reguladoras e convocatoria para o curso 2021/2022.






venres, 28 de maio de 2021

Inscrición comedor e servizo madruga curso 2021/2022

 

Estimadas familias

Como todos os anos, no mes de xuño abriremos o prazo para facer a reserva de prazas dos servizos de comedor e madruga para o curso 2021/22. Como vos adiantabamos fai unhas semanas, pola información da que dispomos o próximo curso comezará cunhas medidas moi similares ás que están vixentes a día de hoxe polo que de momento non se organizarán ningún tipo de actividades extraescolares. No comedor manterase o sistema de quendas e os menús serán servidos por unha empresa de cátering.

A reserva de prazas será do 1 ao 18 de xuño, e os formularios deberán enviarse por correo electrónico (*) á coordinadora (Mamen) a través do enderezo coordinadoralamas@gmail.com.

O número de prazas do que dispomos é de 160 no comedor de Hostalaría e de 50 no comedor do Centro. Intentaremos manter os grupos tal e como estiveron no último curso, pero até saber exactamente o número de solicitudes non podemos informarvos sobre como quedan as quendas e que cursos xantarán en cada un dos comedores.

No caso de superar o número máximo de prazas, teremos que aplicar o BAREMO aprobado na Asamblea Xeral Extraordinaria do 7/03/2018, na que se estableceron os seguintes criterios:

1º Días de uso do comedor no ano anterior: Entre 160 e 180 días - 10 ptos.; 140-160 días: 9 ptos.; 120-140 días: 8 ptos.; 100-120 días: 7 ptos.; 80-100 días: 6 ptos.; 60-80 días: 5 ptos.; 40-60 días: 4 ptos.; 20-40 días: 3 ptos.; 0-20 días: 1 pto.

2º Familia socia no curso 2020/2021: 1 punto.

3º Irmán/á usuario do comedor no 2020/2021: 2 puntos.

De ter que aplicar este baremo, e tendo en conta a situación excepcional durante último ano, no primeiro criterio teranse en conta os días de uso do comedor durante o curso escolar 2019/20. No caso de novas familias socias que se incorporaran ao servizo no último curso, os días que se terán en conta serán os do curso escolar 2020/21.

A reserva é anual, e farase por días da semana, tendo prioridade as reservas de todos os días do curso sobre as de días fixos da semana, e estas sobre calquera outro tipo de solicitude. Ao longo do curso só estarán permitidos cambios puntuais, sempre que se avise antes do día 20 do mes anterior ao cambio, o que permitirá non ter que aboar o servizo. Se os cambios son comunicados despois desa data, os importes terán que ser aboados polas familias aínda que non utilicen o servizo. Estes cambios puntuais refírense a imprevistos que non supoñan un cambio substancial respecto do reservado.

Ao igual que fixemos o curso anterior, de maneira excepcional fixamos o 23 de setembro como data límite para anular ou modificar a reserva inicial. Pregamos, sen embargo, que no caso de que vaiades darvos de baixa dalgún servizo enviedes un correo electrónico ao enderezo anpaceiplda@gmail.com á maior brevidade posible, e en todo caso antes do inicio do curso para días do mes de setembro.

Os usuarios de cuarto de infantil farán, ao igual que o resto de familias, a reserva para todo o ano, e cando coñezan cal será o horario do seu período de adaptación deberán poñerse en contacto coa coordinadora para anular os días que non precisen usar.

En canto ao custo dos servizos, decidiuse manter os prezos. Deste modo,o servizo madruga custará 1,9 € por usuario e día mentres que o custo do menú diario será de 5,7 €. Os recibos deberán pagarse antes do día 10 de cada mes. Recordamos que non estar ao corrente dos pagos, pode implicar, previa comunicación á familia, a non prestación do servizo.

Por último, recordarvos que é preciso informar á coordinadora sobre calquera intolerancia alimentaria ou alerxia.


Folla de inscrición COMEDOR.

Folla de inscrición MADRUGA.

Información.

(*) Nota:

Os formularios pódese enviar electrónicamente seguindo uns sinxelos pasos. Unha vez cuberto e asinado iremos á pantalla de impresión, pero escolleremos a opción de “Guardar como pdf”, “Microsoft Print to PDF” ou similar e gardaremos o documento no ordenador. Ese arquivo conterá o formulario cuberto e será o que se debe enviar ao enderezo da coordinadora da ANPA coordinadoralamas@gmail.com.


Atentamente

A directiva da ANPA do CEIP Lamas de de Abade.