Estimadas familias:
Un ano máis a ANPA pon en marcha o BANCO DE LIBROS para o vindeiro curso 2021-2022.
Como sabedes, esta iniciativa consiste en entregar aqueles libros de texto da vosa propiedade para que poidan ser empregados por outras rapazas e rapaces no seguinte curso. Trátase de facer un reparto xusto e equitativo, polo que as familias que incorporen exemplares ao banco de libros da ANPA terán dereito a recibir outros, sempre que haxa os que soliciten e intentando que todas as familias se beneficien dun xeito similar. Por último, a solicitude de libros é independente da doazón ou devolución, polo que calquera familia pode solicitar exemplares do Banco de Libros da ANPA. As familias non socias recibirán como máximo o mesmo número de libros que doen ao banco, a non ser que sobren existencias.
Para o curso 2021-2022 poderán aproveitarse todos os libros de 3º, 4º e 6º de primaria, ademais dos de música e lecturas de 1º e 2º. Este curso para 5º de primaria non haberá libros senón que as clases serán impartidas a través do proxecto E-DIXGAL, polo que os libros de 5º de primaria quedarán fora do banco, tanto para doazóns como para solicitudes.
A recollida dos libros doados e dos prestados no curso anterior será do mércores, 23 de xuño ao martes, 29 de xuño, en horario de 10:00 a 13:30. (Os días 23 e 28, tamén de 16:00 a 18:00).
Todos os libros, tanto os que sexan doazóns como as devolucións dos prestados o curso pasado, serán entregados, de maneira obrigatoria, co formulario debidamente cumprimentado.
Os libros serán depositados no espazo habilitado na parte de atrás do centro (patio cuberto) para que a coordinadora poida recollelos cumprindo coas medidas de distanciamento que poidan estar vixentes. En todo caso, ninguén poderá acceder ao interior do edificio.
No caso de non devolver nin doar ningún libro, o formulario poderá enviarse ao enderezo electrónico coordinadoralamas@gmail.com, antes do martes, 29 de xuño de 2021.
A preparación dos lotes será durante as primeiras semanas do mes de xullo. As familias recibirán unha comunicación na que se indicará que libros do banco de libros da ANPA lles corresponden para que poidan mercar os que lles faltan.
A entrega de libros realizarase do luns 26 de xullo ao venres, 30 de xullo, en horario de 10:00 a 13:30. (Os días 26 e 28, tamén de 16:00 a 18:00).
Recordade que só se poden doar os libros que sexan propiedade das familias, quedando fóra aqueles concedidos pola Consellería de Educación e que forman parte do Fondo de Libros do Centro. Por outra banda, os libros prestados pola ANPA o curso pasado deben ser devoltos obrigatoriamente á coordinadora da ANPA, e van identificados co distintivo da Asociación.
A persoas encargadas da xestión do banco comprobarán que os libros se atopan en bo estado (enteiros, limpos, borrados, etc), podendo rexeitar unha doazón ou demandando que o usuario repoña un exemplar prestado no caso de apreciar un deterioro por uso neglixente do mesmo.
Recordade, por último, que os libros doados pasan a ser do banco de libros da ANPA.
Atentamente,
A directiva da ANPA do CEIP Lamas de Abade.