Estimadas familias
Agardamos que todas e todos esteades ben e co ánimo suficiente para comezar un novo curso escolar.
Como informamos no mes de xullo, este curso será posible ofrecer os servizos de comedor e de madruga a todas as familias que o solicitaron no mes de xuño. Indicábamos tamén que os servizos serían prestados de maneira semellante ao curso pasado, sen embargo, despois de realizar algunhas modificacións no comedor do Centro conseguiuse o espazo suficiente para que o alumnado de educación infantil poida xantar na mesma quenda.
De momento, as nenas e nenos de primaria seguirán en dúas quendas. Na primeira xantará o alumnado de 1º, 2º e 3º de Primaria e na segunda quenda os de 4º, 5º e 6º.
As horas de recollida quedarán da seguinte maneira:
Comedor de infantil:
A partir das 15:15
Comedor de Hostalaría:
1ª quenda: a partir das 15:15
2ª quenda: a partir das 16:15
A hora máxima de recollida serán ás 16:30. Somos conscientes de que para moitas familias pode resultar difícil conciliar os seus horarios, pero temos que insistir en que respectedes de maneira rigorosa o horario de saída. Os alumnos de Primaria sairán pola porta do pavillón municipal mentres que os de infantil recolleranse na porta principal do centro, intentando sempre evitar aglomeracións dentro do recinto escolar.
As quendas establecidas e os grupos burbulla (compostos polos alumnos e alumnas de cada aula), serán fixas durante todo o curso escolar polo que non existirá a posibilidade de cambialas baixo ningunha circunstancia.
Por último, o servizo de comedor para infantil e para primaria será ofrecido pola empresa de cátering “Ruta Jacobea”. Confiamos en que ao longo do curso, e dependendo das medidas que vaian establecendo as autoridades educativas e sanitarias, Hostalaría retome a elaboración dos menús para todo ou parte do alumnado de primaria.
No tocante ao Servizo Madruga, a entrada farase dende ás 7:30 ás 8:30, aínda que aqueles usuarios que vaian almorzar terán que chegar de maneira obrigatoria antes das 8:20. Os nenos e nenas serán recollidos polo persoal da ANPA na porta principal do Centro, sendo necesario un rigoroso cumprimento da hora de chegada para que os nenos e nenas teñan o tempo suficiente para almorzar con tranquilidade.
Ao igual que aconteceu o ano pasado, e debido á situación excepcional provocada polo COVID-19, a equipa directiva decidiu que o prazo para anular ou modificar os días de uso do comedor ou do servizo madruga será até o 23 de setembro. Pregamos, sen embargo, que no caso de que vaiades darvos de baixa dalgún servizo enviedes un correo electrónico ao enderezo coordinadoralamas@gmail.com á maior brevidade posible.
Estamos a traballar para volver a organizar actividades extraescolares ao longo do presente curso académico. De momento podemos adiantar que o número de prazas ofertadas será menor que en anos anteriores, polo que debemos perfilar un sistema transparente e obxectivo que permita decidir quen obtén praza no caso de que haxa máis inscritos dos que poden participar nas actividades. En canto teñamos a información completa sobre as extraescolares que finalmente podemos organizar, os horarios e os custos mandaremos unha nota informativa ás familias socias, ademais de publicar a información no blog da ANPA e de solicitarlle ao Centro que envíe esta información a través do ABALAR. De calquera modo, o criterio para determinar que familias obteñen praza será sometido a votación na próxima Asamblea Xeral, que agardamos que poida ter lugar de xeito presencial antes de que remate o mes de setembro.
O prazo para pagar a cota de socio (27 €) e o seguro (6 €) rematará o 15 de outubro. Enviarase un correo electrónico informando sobre a maneira de facer o pagamento, así como o formulario de inscrición para as familias novas (ou aquelas que teñan que facer algún cambio nos seus datos ou autorizar a novas persoas para a recollida das nenas e nenos).
En canto ao custo dos servizos, mantense o prezo do ano pasado: Comedor (5’70 € / día) e Servizo Madruga (1’90 € / día). Nos próximos días recibiredes o recibo do mes de setembro. Para o resto do curso, os pagamentos realizaranse entre os días 1 e 10 de cada mes. O xustificante do pagamento debe enviarse á conta de correo electrónico coordinadoralamas@gmail.com.
Un saúdo e moitas grazas