martes, 14 de setembro de 2021

Información sobre o comedor de primaria

 

Estimadas familias, 

queremos informarvos que a partir do luns, 27 de setembro, o servizo de comedor de primaria será ofrecido nunha soa quenda.



Dende Hostalaría comunicáronnos que neste curso habilitarán de novo o seu comedor, pero que seguen poñendo á nosa disposición o espazo que viñamos empregando até o de agora para servir os menús. Deste xeito, todo o alumnado de primaria poderá xantar ao mesmo tempo, aínda que en dous espazos distintos. Coidamos que este é un avance importante cara a normalidade na prestación deste servizo xa que nos permite eliminar o tempo de espera antes de xantar e posibilita que os usuarios poidan comer con calma.


Tamén nos indicaron que van comezar a retomar a elaboración de menús, pero que por cuestións de organización interna, de momento só poderán facerse cargo dos menús dos nenos e nenas de 4º, 5º e 6º.


Polo tanto, a partir do luns, 27 de setembro, todo o alumnado de primaria xantará na mesma quenda. Os de 1º, 2º e 3º farano no mesmo espazo que o fixeron durante o curso pasado, e o menú será elaborado, igual que no comedor de infantil, pola empresa de cátering “Ruta Jacobea”. As nenas e nenos de 4º, 5º e 6º volverán a xantar no comedor de Hostalaría, e será o alumnado do CIFP “Compostela” quen elabore e sirva os menús. Como indicamos no comunicado inicial, confiamos en que ao longo do curso a situación vaia normalizándose de todo e finalmente sexa Hostalaría a que volva elaborar os menús para todo o alumnado de primaria.


A recollida será a partir das 15:45, aínda que este horario é sempre orientativo, podendo producirse atrasos dependendo das incidencias que poidan producirse durante o servizo de comedor. Os alumnos de 1º, 2º e 3º de Primaria sairán pola porta do pavillón mentres que os de 4º, 5º e 6º agardarán no patio de columnas e recolleranse na porta lateral do centro, a que está ao lado do pavillón. A hora máxima de recollida serán as 16:30.


Un saúdo e moitas grazas.