martes, 23 de xuño de 2015

CADRO DE ACTIVIDADES 2015-2016

Xa fixemos o cadro de actividades extraescolares programadas para o vindeiro curso 2015-2016. Se non o vedes ven, podedes velo en grande ou descargalo premendo nesta ligazón

CAMPAMENTO TEMÁTICO: “A NOSA TERRA”

Agora que precisades conciliar a vida laboral coas vacacións dos pequenos tedes opcións coma o campamento temático "A nosa terra" no CEIP As Fontiñas. Nesta ligazón podedes acceder á información e á folla de inscrición.

O centro de interese do campamento urbán de Agosto 2015 xira ó redor dunha temática fundamentalmente medioambiental. Durante o mes de Agosto faremos unha viaxe a través do Sistema Solar do que nós formamos parte vivindo no planeta Terra, e tendo como un dos obxectivos o coidado da mesma. Comezaremos descubrindo e explorando o planeta Terra, que é a nosa gran casa e no que todos os seres vivos conviven. Aprenderemos que o noso fogar hai que coidalo e protexelo, a través de actividades de que fomentan o coñecemento e o respecto polo Medio Ambiente, combinadas tamén con outras dirixidas coñecer costumes e tradiccións da nosa terra.

Actividades:
  • Obradoiros de reciclaxe.
  • Saídas e xogos medioambientais.
  • Obradoiros de cultura tradicional.
  • Ximkanas e grandes xogos de exterior.
  • Obradoiros de cociña
  • Xogos de auga

ORGANIZA: FEDERACIÓN DE ANPAS “COMPOSTELA”

domingo, 21 de xuño de 2015

SOLICITUDES DE BOLSAS DE COMEDOR PENDENTES DE DOCUMENTOS

Xa está publicada a lista de das persoas que teñen  que presentar documentación para a subsanación das solicitudes de comedor. Recordámosvos que tedes un prazo de presentación de 10 días. Poderedes consultala con colexio. Para calqueira consulta ou dúbida, consultádelle a Mamen, que é a coordinadora do comedor.
Bolsas de comedor escolar. Curso 2015/16
En cumprimento do establecido na base reguladora 11, da convocatoria para a concesión de bolsas de comedor escolar para o alumnado dos centros docentes públicos e privados concertados de educación infantil (segundo ciclo) e de educación primaria obrigatoria do Concello de Santiago, para o curso 2015/2016 (BOP núm. 85, do 08/05/2015), publícase a relación de persoas solicitantes de bolsas de comedor que deben emendar a súa documentación, para que no prazo de 10 de hábiles, contados dende o 18 ao 30 de xuño de 2015, ambos os dous incluídos, acheguen os documentos requiridos, indicándoselles que, de non facelo neste prazo, se considerará que desisten da súa solicitude, previa resolución que deberá ser ditada nos términos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Os códigos da documentación requirida están recollidos nas bases da convocatoria BOP núm. 85, do 8 de maio.
Así mesmo, advírteselles as/os solicitantes que non se atopen nesta relación, que poden considerar que a súa documentación está completa, sen prexuízo, de que poidan existir outros incumprimentos das bases reguladoras da convocatoria.

xoves, 18 de xuño de 2015

CALENDARIO ESCOLAR PARA O CURSO 2015-2016

Mañá remata o curso escolar e xa estamos a preparar o seguinte. Onte no Diario Oficial de Galicia publicouse o calendario escolar para o próximo curso 2015-2016. Podedes acceder ó documento premendo NESTA LIGAZÓN. Disfrutade coas vacacións e repoñede ben as pilas para a nova tempada.

mércores, 10 de xuño de 2015

VOLVER AO SISTEMA DE PRESTAMO UNIVERSAL DE LIBROS DE TEXTO EN GALICIA

As ANPAS de Compostela prepararon un escrito dirixido á Consellería de Educación da Xunta de Galicia reivindicando a gratuidade do ensino público. Nesta ligazón podedes acceder ó escrito e a firmalo para unir as nosas forzas.

https://www.change.org/p/conselleria-de-educacion-da-xunta-de-galicia-volver-ao-sistema-de-prestamo-universal-de-libros-de-texto-en-galicia

O Ensino público debe ser gratuíto, e non o será en tanto esa gratuidade non alcance á todalidade da atención que precisa a infancia e xuventude para se formar, sexan infraestruturas, sexa profesorado, sexan o material didáctico que teña que utilizar.

E a gratuidade non pode ter matices, gratuíto implica que todo o mundo ten dereito a non volver a pagar por participar do Ensino Público, xa pagamos cando tributamos, e xa o facemos dun xeito diferente segundo as nosas rendas porque teoricamente os impostos gravan dun xeito progresivo.

E ten que ser universal porque é a única garantía de que no Ensino Público non vai haber nenos diferentes, non vai haber nenos con libros novos e nenos con libros vellos, todos e todas participarán dun mesmo programa e da mesma maneira.

E ademais outorga un inmenso valor engadido: os nosos fillos e fillas aprenderán directamente o valor do coidado, da reutilización, do traballo para o grupo, a importancia de compartir e vivir en común.

E por último, é un sistema máis barato para o presuposto público que calquera baseado na subvención persoal; cal é entón a razón pola que non se utiliza? Pois haberá que lle preguntar aos poderes económicos que saen beneficiados desta decisión pública, probablemente aí estea a chave.