INFORMACIÓN
XERAL:
O servizo de comedor ofrécese a través de
dous comedores. O primeiro comedor, desenvólvese nunha aula adaptada cedida
pola dirección do CEIP. O segundo comedor, é o resultado dun acordo coa Escola
de Hostalería.
O número de prazas ofertadas son:
- 160
comedor de Hostalería.
- 50 comedor no centro.
O comedor do centro, cuxo servizo é prestado
por unha empresa de catering local, está orientado a atender a nenos e nenas de
educación infantil e alerxias e intolerancias alimentarias. A mesma empresa
presta o servizo durante os períodos nos que a escola de hostalería estea
pechada ou por calquera circunstancia non poida prestar o servizo.
No caso de que nalgún dos comedores sobren
prazas, atendendo á idade dos nenos e nenas, e de conformidade coas familias,
poderá modificarse a asignación do comedor que corresponda co ánimo de poder
atender ao maior número de familias posible.
No caso de que a demanda de prazas supere a
oferta, aplicarase o seguinte baremo:
- Días
de uso de comedor por usuario ao ano no ano anterior:
Entre 160 e 180 días - 10 ptos.; 140-160
días: 9 ptos.; 120-140 días: 8 ptos.; 100-120 días: 7ptos.; 80-100 días: 6
ptos.; 60-80 días: 5 ptos.; 40-60 días: 4 ptos.; 20-40 días: 3 ptos.; 0-20
días: 1 pto.
- Socio no curso anterior: 1
pto.
- Irmán/á usuario/a do comedor no curso anterior: 2
ptos.
Horario:
O servizo de comedor será de 14:00 a 16:30. O persoal da ANPA recollerá aos nenos e nenas de infantil nas súas aulas e acompañaraos aos distintos comedores.
Despois de comer serán acompañados aos aseos para realizar a hixiene persoal e o lavado de dentes. Deberán de traer un neceser con cepillo e pasta de dentes, co seu nome escrito nun lugar visible.
Ademais, os nenos e nenas de infantil poderán traer un mandilón, que virá tamén co seu nome escrito nun lugar visible.
Os usuarios que queden ao comedor, serán
recollidos non antes das 15:30 (infantil, na porta principal do Centro) ou a partir das 15:45 (primaria, no pavillón anexo ao Centro). Haberá unha monitora ou monitor que
supervisará a recollida e ao que deberán dirixirse antes de levar ao neno ou
nena.
En todo caso, as familias deberán vir buscar aos seus fillos ou fillas antes das 16:30.
Este horario é orientativo, podendo
producirse retrasos ou adiantos sobre o horario establecido no caso de que os
nenos e nenas non estean listos, o que queda supeditado ao criterio da
coordinadora.
A recollida efectuarase pola parte de atrás
do centro, no patio cuberto, non en Hostalería nin a medio camiño.
Cando a recollida non sexa efectuada polas
nais, pais, ou titores, as persoas que veñan deben ter a autorización
correspondente por escrito, asinada e deben identificarse co seu DNI.
Período de RESERVA:
O comedor reservarase para o curso seguinte na primeira quincena de xuño, debendo formalizar a matrícula
definitiva antes do 18 de setembro. No caso de ter que modificar as
datas para o comedor do mes de setembro o prazo de aviso será o día 3 de
setembro.
A reserva do comedor é anual, tendo
preferencia a reserva por días da semana que a reserva de días soltos.
Unha vez feita a reserva só están permitidos
cambios puntuais, sempre que se avise antes do día 20 do mes anterior ao
cambio (para anular días en xaneiro é preciso avisar unha semana antes
de que comecen as vacacións de nadal), o que permite non ter que aboar o
servizo. Se os cambios son comunicados despois desa data, os importes
terán que ser aboados polas familias aínda que non utilicen o servizo. Estes
cambios puntuais refírense a imprevistos que non supoñan un cambio substancial
respecto do reservad, e non poderán ser repetitivos e continuados ao longo do curso.
Prégase ás familias que no caso de que algún
día non se vaia asistir ao comedor o comuniquen á coordinadora para unha mellor
organización e control.
IMPORTE do servizo:
6€/día a pagar entre o día 1 e 10 de cada
mes. Non estar ao corrente dos pagos, previa comunicación á familia socia, pode
implicar a non prestación do servizo.
NORMAS ESPECÍFICAS:
No caso de enfermidades puntuais (como
gastroenterite, ...) poden solicitar dieta branda ese mesmo día falando coa
coordinadora antes das 09:30h.
Antes do inicio da comida, o alumnado deberá
asearse e ir ao baño se o necesita. Para esta tarefa están habilitados os aseos
da planta baixa do centro. O persoal da ANPA establecerá as quendas que sexan
necesarias.
O traslado á Escola de Hostalaría farase con
orde e tranquilidade, sen empuxar aos compañeiros nin berrar.
Atendendo ás necesidades do servizo e ás
características dos usuarios, o persoal da ANPA distribuirá aos nenos e ás
nenas nas mesas segundo o seu criterio. É importante ter en conta que o número
de usuarios do comedor de Hostalaría é de 160, polo que para manter un ambiente
tranquilo e relaxado será necesario seguir certas pautas de conduta. Entre os compañeiros
de mesa falarase en voz baixa e durante a comida cada un permanecerá no seu
sitio, procurando sentarnos correctamente para facilitar o traballo ao persoal
de Hostalaría.
Os nenos e nenas que acudan ao comedor
deberán ter adquiridos os hábitos de educación e coñecemento adecuados á súa
idade (utilización de garfos, respecto aos monitores e persoal de Hostalaría,
coidado do material, comportamentos hixiénicos na mesa). Sobre todo, deben ter en
conta que a hora do comedor non é para xogar do mesmo xeito que a comida non é
un xoguete, polo que non se poden tirar restos de comida, pan ou auga a outras
persoas nin ao chan. Dentro das posibilidades de cada un, procurarase que
adquiran algúns hábitos como por exemplo empregar correctamente os cubertos,
comer de xeito pausado pero continuo, recoller os cubertos e as sobras que
poidan caerlles na mesa para o seu prato unha vez rematen de comer, non
levantarse da mesa antes de que o indique a monitora.
Os nenos e nenas deben probar os distintos
alimentos como parte da súa aprendizaxe. Non se lles obriga a comer toda a
comida, pero si a probala.