luns, 27 de novembro de 2023

Festa de Nadal

 


Estimadas familias:

Con motivo do Nadal, a ANPA celebrará unha festa o xoves 21 de decembro no colexio de 17:30 a 19:30.

Será un día de lecer e convivencia para todos os membros da comunidade educativa.

Haberá música, xogos,talleres e ofrecerase chocolate con churros de balde.

Entregarase un vale intercambiable por 1 chocolate con churros por persoa.

Todos aqueles que queirades vales deberedes enviar un correo antes do 5 de decembro a coordinadoralamas@gmail.com , indicando os nomes dos membros da unidade familiar (nai, pai e fillos) que o solicitan. Unha vez rematado o prazo de solicitude non se atenderán mais peticións.

Os vales teredes que ir a recollelos ao colexio, entre o luns 18 e o mércoles 20 de decembro, en horario de 17:00h a 18:00h e entregaranse na zona do patio cuberto as persoas que previamente os solicitaron. Os vales que non se recollan quedarán anulados e entregaranse na festa, ata esgotarse, a aquelas persoas que non recibisen ningún.

Calquera axuda, ofrecemento, taller, espectáculo que queirades organizar será ben recibida. Poñédevos en contacto con nós e vemos como facelo.

Os menores deberán vir acompañados por adultos que se farán responsable deles mentres dure a Festa.

Moitas grazas pola participación.

Saúdos


domingo, 26 de novembro de 2023

Menús do mes de decembro

  Estimadas familias: 

 

Xa podedes consultar os menús do mes de decembro.

Recordade que podedes acceder a estes, e aos dos meses anteriores, no apartado MENÚ COMEDORES deste blog.

Un saúdo.

luns, 13 de novembro de 2023

Inscrición campamento de Nadal 2023/24.

 

Estimadas familias:

Xa podedes consultar toda a información do campamento de nadal 2023.

O campamento ofrécese os días 22, 26, 27 28 e 29 de decembro e 2, 3 4 e 5 de xaneiro.


Horarios e prezos:

De 7:30 a 9:00 ( madrugadores: 1,90 euros por día). Opcional

De 9:00 a 14:00 ( actividades : 6 euros por día)

De 14:00 a 16:00 ( xantar: 5,7 euros por día). Opcional.

É preciso informar á coordinadora sobre calquera intolerancia alimentaria ou alerxia.


Servizos Madruga e Comedor:

Os servizos de madruga e o xantar son opcionais, e ofreceránse no caso de chegar a un mínimo de 8 nenos ou nenas inscritos. No madruga, poderán anotarse con almorzo ou sen almorzo cubrindo o formulario que se adxunta.

O servizo de xantar será servido pola empresa Barrigola. Será preciso informar á coordinadora sobre calquera intolerancia alimentaria ou alerxia.


Preinscrición.

Ofértanse un total de 70 prazas.

A reserva farase dende o luns, 13 de novembro (non se admitirán formularios que cheguen antes dese día), ata o luns, 4 de decembro.

Haberá que cubrir o formulario de preinscrición adxunto e envialo á coordinadora por correo electrónico (coordinadoralamas@gmail.com) ou entregarllo en man.

Informarase sobre a adxudicación de praza o luns, 11 de decembro. Terán preferencia as reservas con maior número de días solicitados.


Inscrición

Unha vez dado o aviso de adxudicación de praza, deberá facerse o ingreso antes do luns, 18 de decembro. Daranse instrucións sobre como formalizar o pago cando se avise da adxudicación de praza.

Necesítase un mínimo de 15 alumnos/as fixos para realizar o campamento. Para realizar os servizos de madrugadores e comedor é necesario un mínimo de 8 nenos/as inscritos nos mesmos.


Desenvolvemento do servizo.

O horario de chegada, no caso de non solicitar madrugadores, será de 9:00 a 10:00. Non se poderá acceder ao campamento despois das 10:00.

O horario de recollida será ás 14:00 (sen comida) ou ás 16:00 (se xantan no campamento). Prégase que respectedes estes horarios, recordando que no caso de incumprimentos reiterados na hora de chegada ou de recollida procederase a aplicar a normativa de recollida especificada nas normas xerais da ANPA.

Tanto para a entrada como para a saída, as familias deberán acceder ao recinto a través da cancela lateral que está ao lado do pavillón municipal, que unicamente estará aberta de 7:30 a 10:00 e a partir das 13:50. Os nenos e nenas entrarán pola porta do salón de actos situada no patio cuberto.

As rutinas diarias serán as seguintes:

De 9:00 a 10:00 Recepción.

De 10:00 a 10:30 Movemos o corpo.

De 10:30 a 11:00 Cancións de campamento.

De 11:00 a 11:30 Hora da merenda.

De 11:30 a12:00 Descanso.

De 12:00 a 13:45 Actividades previstas para ese día.

De 13.50 a 14.00 Preparación para o xantar ou para a entrega ás familias.

De 14.00 a 15:00 Xantar (de ser o caso)

De 15.00 a 16.00 Xogo libre.

ÁS 16.00 Remate da xornada.

Actividades:

Haberá distintas actividades: xogos, deportes variados, talleres creativos e manualidades.

Á hora de realizar os obradoiros terase en conta que se adapten aos rapaces, empregando sempre materiais que non sexan perigosos e que sexan axeitados para as necesidades de cada neno ou nena. Procurarase en cada actividade a integración e a participación activa de todos e todas as participantes, de xeito que as xornadas do Campamento de verán provoquen unha actitude de colaboración, cooperación e participación que fomente unha boa convivencia e un sentimento de compañeirismo.

Para calquera aclaración non dubidedes en poñervos en contacto coa ANPA ou coa coordinadora.


FORMULARIO DE INSCRICIÓN.

venres, 20 de outubro de 2023

1º Asemblea Ordinaria Xeral de persoas socias da Asociación de Nais e Pais do CEIP Lamas de Abade curso 2023-24

  

Estimadas familias:

Pola presente convócase a Asemblea Xeral Ordinaria de persoas socias da Asociación de Nais e Pais do CEIP Lamas de Abade.

Día: Venres, 27 de outubro de 2023.

Hora: 16:00 (Primeira convocatoria) 16:30 (2º convocatoria)

Lugar: Salón de actos do CEIP Lamas de Abade

ORDE DO DÍA:

  1. Aprobación, se procede, da acta da sesión anterior. Con esta convocatoria achégase a acta da última reunión da Asemblea Xeral (08/06/2023) para que as persoas socias poidan realizar alegacións ou precisións á mesma.

  2. Información sobre o estado de contas da Asociación.

  3. Información sobre o inicio do curso e funcionamento dos servizos ofertados pola ANPA.

  4. Información sobre o tratado no último Consello Escolar e medidas a tomar.

  5. Aprobación da incorporación de novas persoas socias á Xunta Directiva

  6. Formación de equipas de traballo

  7. Rogos e preguntas


Ese día, as familias que o precisen poderán facer uso dun servizo de ludoteca, de xeito gratuíto e previa reserva. Se ides facer uso deste servizo indicádeo a través dun correo ao enderezo electrónico da ANPA anpaceiplda@gmail.com.



Nota: De acordo co artigo 24 dos Estatutos que regulan esta asociación, as asembleas quedarán validamente constituídas en 1ª convocatoria cando estean presentes a maioría dos socios/as e en 2ª convocatoria, sexa cal sexa o número de socios/as presentes, polo que a Asemblea non poderá comezar até as 16:30. Os acordos tomaranse por maioría simple das persoas presentes ou representadas, cando os votos afirmativos superen aos negativos, non sendo computables a estes efectos os votos en branco nin as abstencións.


venres, 29 de setembro de 2023

Menús do mes de outubro.

 Estimadas familias: 

 

Xa podedes consultar os menús do mes de outubro.

Recordade que podedes acceder a estes, e aos dos meses anteriores, no apartado MENÚ COMEDORES deste blog.

Un saúdo.

mércores, 20 de setembro de 2023

Comunicado actividades_Curso 2023-24

Estimadas familias:

Unha vez rematado, o pasado 8 de setembro, o prazo de inscricións para as actividades ofertadas pola ANPA e revisadas as solicitudes presentadas, enviámosvos o seguinte cadro onde podedes consultar as actividades que finalmente se poderán levar a cabo este curso. Todas as solicitudes que chegaron para estas actividades teñen praza.



Como podedes ver, NON se poden realizar por non chegar ao mínimo de usuarios necesarios: Teatro (E.I), Xadrez, Psico-diversión (E.I -2º), Pintura (2º–6º), Esgrima e Balonmán. Nalgunhas das actividades do cadro aínda quedan prazas libres, polo que podedes consultar coa coordinadora se estades interesadas en inscribir aos vosos fillos ou fillas nalgunha delas.

A continuación daremos unha serie de recomendacións, aínda que na primeira semana as monitoras e monitores irán explicando máis polo miúdo como se desenvolverán cada unha das actividades.

A actividade de Robótica para o alumnado de primaria durará unha hora e media mentres que para infantil terá o horario habitual dunha hora. Por favor, tédeo en conta á hora de organizar a recollida dos vosos fillos e fillas.

Para Patinaxe deberán traer patíns de bota e catro rodas. Deberán vir dentro dunha mochila e poderán quedar no pavillón, nun espazo do que dispón a ANPA. Tanto a mochila como os patíns deberán vir marcados co nome e apelidos.

Para Pintura deberán traer un mandilón ou unha camiseta que se poida manchar co seu nome.

Para o resto de actividades deberán traer roupa cómoda (chándal ou mallas) e no caso de Rítmica uns calcetíns (a actividade realízase sen calzado) e o pelo recollido. En Kárate non é preciso traer kimono, pero se alguén o ten pode traelo.

Recordade que as actividades comezarán o luns, 2 de outubro e que non está permitido o acceso ao pavillón. As nenas e nenos entregaranse ás familias ao final de cada actividade na porta do pavillón ou pola porta principal da escola, dependendo do lugar no que teñan lugar as mesmas. De pintura sairán polo patio de columnas, entre o recinto do cole e o pavillón.

O pagamento das actividades extraescolares ofertadas pola ANPA realizarase mensualmente, entre os días 1 e 10 de cada mes. Os recibos irán nas mochilas das nenas e nenos.

A inscricións nas actividades supón a aceptación das normas xerais da ANPA que podedes consultar neste mesmo blog, no apartado de Normas Xerais. Polo tanto, segundo as mesmas, aquelas familias que non sexan socias da ANPA deberán abonar 27€ en concepto de matrícula.

Para calquera aclaración ou consulta podedes dirixirvos á coordinadora Mamen (coordinadoralamas@gmail.com; teléfono.:662382294)



venres, 8 de setembro de 2023

Comunicado inicio do curso 2023-2024.

 Estimadas familias,

En primeiro lugar agardamos que todas esteades ben e que puiderades aproveitar estes meses de vacacións para descansar e coller folgos para o novo curso escolar que está a piques de comezar.

A continuación imos facer un pequeno resumo de como serán os horarios dos servizos que ofrecerá a ANPA dende o comezo do curso escolar.

 

Servizo Madruga

A entrada no Servizo Madruga será de 7:30 a 8:30, aínda que aquelas nenas e nenos que vaian almorzar terán que chegar antes das 8:20 para que teñan tempo a almorzar con tranquilidade e asearse antes de iniciar a xornada escolar. O resto chegará obrigatoriamente antes das 8:30.

Os nenos e nenas entrarán soas pola porta principal do centro, onde serán recollidas polo persoal da ANPA e acompañadas ao lugar onde se prestará o servizo. Ao final do mesmo lavarán os dentes e serán acompañados ao lugar asignado polo Centro para se incorporaren ás súas aulas.

Deberán traer un neceser con cepillo e pasta de dentes, co seu nome escrito nun sitio visible.

Ademais, os nenos e nenas de infantil poderán traer un mandilón, que virá tamén co seu nome escrito nun lugar visible e que irá para casa os venres.


Servizo de Comedor.

O Servizo de Comedor será de 14:00 a 16:30. O persoal da ANPA recollerá aos nenos e nenas de infantil nas súas aulas e acompañaraos aos distintos comedores. Despois de comer serán acompañados aos aseos para realizar a hixiene persoal e o lavado de dentes.

Deberán traer un neceser con cepillo e pasta de dentes, co seu nome escrito nun lugar visible.

Ademais, os nenos e nenas de infantil poderán traer un mandilón, que virá tamén co seu nome escrito nun lugar visible e que irá para casa os venres.

A recollida do alumnado de infantil será pola porta principal do Centro a partir das 15:30.

Os nenos e nenas de primaria recolleranse a partir das 15:45 na porta do pavillón.

As familias deberán recoller aos nenos e nenas antes das 16:30. Haberá que entregar unha autorización previa no caso de que as familias queiran que veña outra persoa recoller aos seus fillos ou fillas. A persoa autorizada deberá acreditar a súa identidade antes de levar ao neno ou nena.

No caso de que puntualmente algún día se precise dieta especial, deberá comunicalo á coordinadora da ANPA entre as 8:00 e as 9:30 para poder facer os cambios pertinentes nos menús.

custo dos servizos mantense igual que o curso pasado, polo que o prezo do comedor é de 6 € ao día mentres que o do servizo madruga é de 2 € ao día, con almorzo e de 1,90 € ao día sen almorzo.

Como sempre, os recibos serán enviados nas mochilas e o prazo para pagar será entre os días 1 e 10 de cada mes. Pregamos que nos fagades chegar os xustificantes de pagamento a través o correo da coordinadora da ANPA. (coordinadoralamas@gmail.com)

Recordamos tamén que neste curso a empresa que se fará cargo da elaboración dos menús de infantil e dos menús especiais (intolerancias, alerxias, etc) será Barrigola. Tamén subministrará os menús ao alumnado de primaria nos periodos nos que hostalaría non pode ofrecer o servizo (setembro, xuño e vacacións)

Por último, queremos recordarvos que o horario da coordinadora da ANPA é de 12:00 a 19:00 horas, e que calquera dúbida o incidencia que teñades só será atendida nese horario no teléfono 662 382 294. Lembrade que podedes tamén empregar o correo coordinadoralamas@gmail.com.

Nos próximos días achegaremos información sobre o pagamento da cota de socios e dos recibos do mes de setembro, así como sobre as actividades que comezarán no mes de outubro e outras novidades que poidan producirse. Podedes consultar as Normas da ANPA e o resto da información nos apartados correspondentes deste mesmo blog.


Un saúdo e moitas grazas. 


martes, 5 de setembro de 2023

Menús do mes de setembro do 2023.

 Estimadas familias: 

 

Xa podedes consultar os menús do mes de setembro.

Recordade que podedes acceder a estes, e aos dos meses anteriores, no apartado MENÚ COMEDORES deste blog.

Un saúdo.



venres, 9 de xuño de 2023

Banco de libros para o curso 2023-24.

Estimadas familias:


Un ano máis a ANPA pon en marcha o BANCO DE LIBROS, para poder usar no vindeiro curso
2023-2024.

Como sabedes esta iniciativa consiste en entregar libros que sexan da vosa propiedade para que poidan
ser empregados por outras rapazas e rapaces no seguinte curso.

PARA O PRÓXIMO CURSO SÓ SE ENTREGARÁN/RECOLLERÁN OS LIBROS DE 3º DE
EDUCACIÓN PRIMARIA.

· Se tes libros doutros cursos prestados pola ANPA non é necesario que os entregues.
· Só se recollen libros de 3º EP.
· Datas de recollida de libros prestados polas familias e peticións de préstamo para o curso 2023 –
  2024: dende o 22 ata o día 30 de xuño, de 13:30 a 14:00, para outro horario poñerse en contacto coa
  coordinadora.
· Preparación de lotes para entregar na segunda semana de xullo.
· Datas de entrega de libros ás familias: Do 26 ao 28 de xullo, en horario de 13:00 a 14:00h.

Podedes descargar o formulario a cubrir polas familias que desexen participar no banco de libros pinchando AQUÍ.
Para calquera dúbida ou proposta poñédevos en contacto coa coordinadora da ANPA (Mamen: tlfno
662382294, correo electrónico coordinadoralamas@gmail.com)


Unha vez máis, agradecemos a vosa colaboración.

PARTICIPA!!!

mércores, 7 de xuño de 2023

Festa de fin de curso 2022-23 organizada pola ANPA do CEIP Lamas de Abade.

Prezadas familias:

 

Como sabedes, o curso está a piques de rematar e que mellor forma de celebralo que facendo unha festiña para dar a benvida ás ansiadas vacacións de verán.

Farémola o venres, 16 de xuño, de 17:00 a 20:00. A rapazada poderá desfrutar de inchables, festa da espuma e animación musical. Esperamos poder contar coa participación de toda a comunidade educativa.

 

Gustaríanos solicitar a vosa colaboración. Cada familia tería que encargarse de traer algo para facer unha merendola todos/as xuntos/as. Cada quen pode traer o que se lle antolle, agás as bebidas, xa que diso encargámonos nós.



 

Para que podamos gozar da festa e que non xurda ningún problema queriamos darvos algunhas indicacións:

 

·         Poderán acceder ao colexio os nenos e nenas matriculados no centro, irmáns e proxenitores. A rapazada debe vir acompañada dun adulto que se responsabilice dela durante toda a festa.

 

·         Accederase ao patio de columnas pola porta lateral do recinto, a que comunica co pavillón. A festa dará comezo as 17:00. Ata esa hora, os monitores e os voluntarios estarán organizando e montando todo para a festa.

 

·         Os nenos e nenas que participen na festa da espuma deberán traer roupa cómoda e calzado que se poda mollar, muda e toalla.

 

·         Para montar nos inchables será necesario o uso de calcetíns.

 

·         Imos a ser moitos e todos coñecemos o tamaño do aparcadoiro e os problemas que diariamente xorden, non hai prazas para todos e un coche mal aparcado pode dificultar moito a circulación. Pedimos que na medida do posible a xente veña a pé.

 

·         Intentemos entre todos deixar limpo todo, haberá contenedores para depositar o lixo.

 

·         Fagamos un uso responsable das instalacións do colexio e dos baños. Só se poderá acceder ao edificio do colexio para o uso dos baños da planta baixa (accédese a eles dende o patio de columnas)

 

·         Recordade que non se pode fumar en todo o recinto escolar.

 

·         Se as inclemencias do tempo fan imposible a realización do evento, comunicarase a súa suspensión.

martes, 6 de xuño de 2023

Aberto o prazo de inscrición para as actividades organizadas pola ANPA curso 2023-2024.

Estimadas familias: 

O próximo xoves, 8 de xuño, ás nove da mañá, abrirase o prazo para facer a inscrición nas actividades extraescolares ofertadas pola ANPA para o curso 2023/2024. O prazo remata o venres, 23 de xuño, ás 16:00 h

Non se admitirán solicitudes presentadas antes de tempo. Unha vez rematado o período de inscrición, á maior brevidade posible, comunicarase ás familias en que actividades teñen praza.

Recordade que para que unha actividade poida desenvolverse, deberá ter un mínimo de 10 inscricións. O número máximo de usuarios ven reflectido no cadro que achegamos.

Como en cursos anteriores, as prazas asignaranse segundo a orde de inscrición, tendo preferencia aquelas persoas que estiveran anotadas na actividade o último curso no que se realizaron. 

O pagamento das actividades extraescolares ofertadas pola ANPA realizarase mensualmente, entre os días 1 e 10 de cada mes. 

O formulario para inscribirse nas actividades extraescolares organizadas pola ANPA enviarase por correo electrónico á coordinadora da ANPA (Mamen) (coordinadoralamas@gmail.com) ou entregaráselle en formato papel.

A inscrición nas actividades supón a aceptación das normas xerais da ANPA que podedes consultar no blog, no apartado de Normas Xerais. Polo tanto, segundo o establecido no apartado G, punto 1, aquelas persoas que non sexan socias da ANPA deberán abonar 27 € en concepto de matrícula. Ao comezo do curso enviarase o formulario para todos aqueles que desexen facerse socios da ANPA.

O comezo das actividades organizadas pola ANPA será o luns, 2 de outubro.

Xunto con esta comunicación, achegamos o dosier con toda a información sobre cada unha das actividades ofertadas pola ANPA e o formulario para inscribirse.

DOSIER

FORMULARIO INSCRICIÓN ACTIVIDADES

Saúdos

Aberto o prazo de inscrición para os servizos de comedor e madrugadores.

Estimadas familias:

Enviamos a información dos servizos de comedor e madruga para que podades facer a reserva de prazas o curso 2023/24.

Os menús para infantil e menús adaptados (intolerancias e alerxias) serán servidos pola empresa de catering Barrigola no colexio e por Hostalaría para primaria nas súas instalacións.

A reserva de prazas será do xoves, 8 de xuño, ao venres, 23 de xuño, e os formularios poderán enviarse por correo electrónico á coordinadora (Mamen) a través do enderezo coordinadoralamas@gmail.com ou entregarllos en papel. En ámbolos dous casos é necesario que estean firmados. Non se admitirán solicitudes antes do prazo indicado.

O número de prazas das que dispomos é de 160 no comedor de Hostalaría e de 50 no comedor do Centro.

Ofertamos 65 prazas para o servizo madruga.

No caso de superar o número máximo de prazas, tanto en comedor como en madruga, teremos que aplicar o BAREMO, explicado nas Normas Xerais da ANPA, no que se establecen os seguintes criterios:

1º Días de uso do servizo no ano anterior:

Entre 160 e 180 días: 10 ptos.; 140-160 días: 9 ptos.; 120-140 días: 8 ptos.; 100-120 días: 7 ptos.; 80-100 días: 6 ptos.; 60-80 días: 5 ptos.; 40-60 días: 4 ptos.; 20-40 días: 3 ptos.; 0-20 días: 1 pto.

2º Familia socia no curso 2022/2023: 1 punto.

3º Irmán/á usuario do comedor/madruga no 2022/2023: 2 puntos.

Tanto para o servizo de madruga como para o servizo de comedor, a reserva é anual, e farase por días da semana, tendo prioridade as reservas de todos os días do curso sobre as de días fixos da semana, e estas sobre calquera outro tipo de solicitude. Ao longo do curso só estarán permitidos, no servizo de comedor e no de madruga, cambios puntuais, sempre que se avise antes do día 20 do mes anterior ao cambio, o que permitirá non ter que aboar o servizo. Se os cambios son comunicados despois desa data, os importes terán que ser aboados polas familias aínda que non utilicen o servizo. Estes cambios puntuais refírense a imprevistos que non supoñan un cambio substancial respecto do reservado. No servizo de madruga poderase, previa consulta coa coordinadora, modificarse a opción con almorzo ou sen almorzo.

No mes de xullo comunicarase a adxudicación de prazas e, de ser o caso, a lista de agarda. Se por algún motivo é necesario facer cambios na reserva do comedor ou do servizo madruga, deberá facerse antes do 3 de setembro para os días do mes de setembro, e en todo caso antes do 18 de setembro para a reserva do resto do ano. Pregamos que no caso de dar de baixa algún servizo se envíe un correo electrónico ao enderezo á coordinadora coordinadoralamas@gmail.com á maior brevidade posible.

Os usuarios de cuarto de infantil farán, ao igual que o resto de familias, a reserva para todo o ano, e cando coñezan cal será o horario do seu período de adaptación deberán poñerse en contacto coa coordinadora para anular os días que non precisen usar.

O prezo do servizo de comedor é de 6€/día. O prezo de Madruga con almorzo é de 2€/día e sen almorzo de 1,90€/día.

Os recibos deberán pagarse antes do día 10 de cada mes. Recordamos que non estar ao corrente dos pagos, pode implicar, previa comunicación á familia, a non prestación do servizo.

Por último, recordarvos que é preciso informar á coordinadora sobre calquera intolerancia alimentaria ou alerxia.

Un saúdo 

FORMULARIO INSCRICIÓN COMEDOR

FORMULARIO INSCRICIÓN MADRUGADORES