mércores, 22 de xuño de 2022

Inscricións e a información sobre os servizos de comedor e madrugadores para o vindeiro curso 2022-23

 Estimadas familias:

Aquí tendes toda información sobre os servizos de comedor e madruga para o curso 2022-2023.

Os menús para infantil serán servidos, como se acordou na Asemblea Xeral do 21 de xuño, pola empresa de catering Barrigola no colexio e por Hostalaría para primaria nas súas instalacións.

A reserva de prazas será do venres, 24 de xuño, ao venres, 1 de xullo, e os formularios poderán enviarse por correo electrónico  á coordinadora (Mamen) a través do enderezo coordinadoralamas@gmail.com ou entregalos en papel. En ámbolos dous casos é necesario que estean firmados. Non se admitirán solicitudes antes do prazo indicado.

O número de prazas das que dispomos é de 160 no comedor de Hostalaría e de 50 no comedor do Centro.

Ofertamos 65 prazas para o servizo madruga.

No caso de superar o número máximo de prazas, teremos que aplicar o BAREMO aprobado na Asemblea Xeral Extraordinaria do 7/03/2018, na que se estableceron os seguintes criterios:

1º Días de uso do comedor no ano anterior: Entre 160 e 180 días: 10 ptos.; 140-160 días: 9 ptos.; 120-140 días: 8 ptos.; 100-120 días: 7 ptos.; 80-100 días: 6 ptos.; 60-80 días: 5 ptos.; 40-60 días: 4 ptos.; 20-40 días: 3 ptos.; 0-20 días: 1 pto.

2º Familia socia no curso 2021/2022: 1 punto.

3º Irmán/á usuario do comedor no 2021/2022: 2 puntos.

Tanto para o servizo de madruga como para o servizo de comedor, a reserva é anual, e farase por días da semana, tendo prioridade as reservas de todos os días do curso sobre as de días fixos da semana, e estas sobre calquera outro tipo de solicitude. Ao longo do curso só estarán permitidos, no servizo de comedor e no de madruga, cambios puntuais, sempre que se avise antes do día 20 do mes anterior ao cambio, o que permitirá non ter que aboar o servizo. Se os cambios son comunicados despois desa data, os importes terán que ser aboados polas familias aínda que non utilicen o servizo. Estes cambios puntuais refírense a imprevistos que non supoñan un cambio substancial respecto do reservado. No servizo de madruga poderase, previa consulta coa coordinadora, modificarse a opción con almorzo ou sen almorzo.

No mes de xullo comunicarase a adxudicación de prazas e, de ser o caso, a lista de agarda. Se por algún motivo é necesario facer cambios na reserva do comedor ou do servizo madruga, deberá facerse antes do 3 de setembro para os días do mes de setembro, e en todo caso antes do 18 de setembro para a reserva do resto do ano. Pregamos que no caso de dar de baixa algún servizo se envíe un correo electrónico ao enderezo anpaceiplda@gmail.com á maior brevidade posible.

Os usuarios de cuarto de infantil farán, ao igual que o resto de familias, a reserva para todo o ano, e cando coñezan cal será o horario do seu período de adaptación deberán poñerse en contacto coa coordinadora para anular os días que non precisen usar.

O prezo do servizo de comedor é de 6€/día. O prezo de Madruga con almorzo é de 2€/día e sen almorzo de 1,90€/día. Estes prezos foron aprobados na Asemblea Xeral de socios realizado o 21 de xuño.

Os recibos deberán pagarse antes do día 10 de cada mes. Recordamos que non estar ao corrente dos pagos, pode implicar, previa comunicación á familia, a non prestación do servizo.

Por último, recordarvos que é preciso informar á coordinadora sobre calquera intolerancia alimentaria ou alerxia.

Formularios de inscrición para o servizo de comedor e para o servizo de madruga

A inscrición como novo socio da ANPA realizarase en setembro. Enviarase o formulario ás familias e publicarase no blog da ANPA. Xunto co formulario para facerse socio da ANPA, achegarase o rexistro a cubrir coa relación de persoas autorizadas para recoller ao alumno/a.

As familias que xa son socias e queiran modificar algún dato da ficha de socios (incluír un novo irmá ou irmán, cambios de enderezo ou de teléfonos) poderán empregar tamén o Formulario de inscrición de socio. Da mesma maneira, se queren modificar a relación de persoas autorizadas para recoller ao alumno/a deberán actualizar o rexistro adxunto Autorización recollida do alumnado.

Saúdos