Estimadas familias
Ante a actual situación sanitaria, o comezo do curso está cheo de incertezas. Con todo, queremos comunicarvos que dende a directiva da ANPA estamos a traballar para poder retomar os servizos que ofertábamos coas maiores garantías para todos.
Nas últimas semanas mantivemos contactos coa Dirección do Centro e coa Escola de Hostalería e para o inicio do curso 2020-2021 poderemos prestar o servizo de comedor co mesmo número de prazas que o curso anterior, aínda que para adaptarnos á nova situación creada pola COVID teremos que facelo en dúas quendas.
Podemos adiantar que a primeira delas comezará ás 14:15 e a segunda ás 15:00, polo que a hora de recollida non poderá ser antes das 16:00. Informaremos sobre a quenda que lle corresponde a cada neno e nena e sobre a recollida do alumnado cando teñamos o protocolo de actuación validado pola Equipa Covid do Centro. Todas as solicitudes recibidas no prazo de preinscrición poderán ser atendidas.
Sinalar, sen embargo, que dende a Escola de Hostalería non poden garantir que poidan ofrecer o servizo xa que como todos sabemos, son os propios alumnos os que elaboran os menús e ao igual que ocorre en todos os centros educativos, en caso de que teñan algún contaxio terán que deixar de asistir a clase. Neste caso poderiamos seguir empregando o local, pero os menús terían que ser ofertados por unha empresa de catering local.
O servizo madruga tamén terá que ser en dúas quendas, e estamos traballando para poder satisfacer toda a demanda xa que hai algún día no que superamos o máximo de usuarios.
Adiantamos que haberá cambios na entrada do alumnado pois durante o próximo curso as familias terán limitado o acceso ao centro polo que deberán deixar aos nenos e nenas na porta principal, onde estará o conserxe do centro e o persoal da ANPA que se fará cargo dos cativos.
De cara as actividades extraescolares, dadas as restricións impostas pola situación, pensamos que non vai ser posible a súa realización, polo que estamos a traballar na posibilidade de ofrecer un servizo de conciliación para as tardes.
Por outra banda, no mes de setembro, convocarase unha Asemblea Xeral. No momento en que se convoque, pedirásevos que confirmedes a vosa asistencia vía mail, para saber con cantas persoas contamos e así dispoñer dun espazo que reúna as condicións de distanciamento oportunas.
Queremos recordar que todo está supeditado a como evolucione a situación nas próximas semanas. Informaremos puntualmente de calquera cambio que poida producirse.