luns, 27 de xullo de 2020

Información Protocolo covid-19


O pasado 22 de xullo, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publicou o Protocolo de adaptación ao contexto da covid 19 nos centros de Ensino non Universitario de Galicia para o curso 2020-2021. Xuntamos enlace. http://www.edu.xunta.gal/portal/node/31578

Este protocolo descarga a responsabilidade de organización do funcionamento do centro ante a pandemia nas direccións dos centros e nas ANPA. A data elixida para publicar o protocolo, que non foi consensuado na mesa sectorial docente, apenas nos deixa marxe ás ANPA para organizar os servizos que vimos ofertando.

Ante esta situación queremos comunicarvos que estamos fondamente preocupados  pola falta de información que nos ten acompañado desde o inicio da pandemia. A nosa vontade, como sempre, é a de colaborar co centro para que as familias contemos cos servizos complementarios de calidade, servicios que deben desenvolverse no marco de protocolos que protexan aos nosos nenos e nenas ante posibles contaxios.

Desde a publicación do protocolo estamos a traballar na adaptación da oferta de actividades, que serán menos das habituais e que deberán adaptarse ao que estableza o protocolo que estamos a elaborar coa empresa con que temos contratado o servizo de prevención. Este protocolo, unha vez elaborado, será facilitado á dirección do centro para a súa aprobación.

Respecto do servizo madruga, teremos tamén que adaptalo, comunicando o que proceda para o seu emprego, o antes posible.

A nosa maior preocupación na actualidade céntrase no servizo de comedor. Levamos tempo intentando que o CIFP Compostela nos informe das prazas das que poderemos dispoñer o ano que vén, pero parece que non nos poderán dicir nada concreto ata o mes de setembro, mes, no que xa ofertamos servizo de comedor en cursos pasados e para o que temos unha preiscrición que rolda as 200 solicitudes diarias.

Esta situación parécenos inadmisible, posto que precisamos tempo para organizar o servizo e tomar as medidas preventivas que sexan necesarias. Durante esta semana seguiremos intentando que se nos facilite a dita información pero entendíamos que non podíamos demorar máis a información ás familias.

Desde a Xunta Directiva seguiremos a traballar durante todo o verán para que o curso comence con certa normalidade en setembro e coas máximas garantías de seguridade e saúde dos nosos fillos e fillas, colaborando ademais co centro en todo o que estea na nosa man, pero lamentamos que a falta de información estea a dificultar este traballo o que redunda en moita incertidume para as familias respecto dos servizos dos que van a poder dispoñer o ano que vén. Servizos imprescindibles en moitos dos casos. Ante esta situación son varias as ANPA que xa renunciaron a seguir a prestar estes servizos.

Por último, informar que a Confederación de ANPA está a organizar unha concentración contra o protocolo da Xunta que terá lugar o próximo martes 28 de xullo ás 11:30h  diante da Consellería de educación, en San Caetano.

Calquera novidade ao respecto desta notificación será comunicada coa maior celeridade ás familias.