luns, 23 de maio de 2011

ESCOLA DE VERÁN DE INGLES: ENGLISH SUMMER SCHOOl 2011‏


A Concellería de Educación pon en marcha unha nova edición da Escola Municipal de Verán de Inglés (English Summer School), convertida xa nunha actividade clásica dos veráns en Compostela. Desenvolverase do 1 ao 29 de xullo, en horario de 9:00 a 14:00 horas, no IES Rosalía de Castro. Non obstante, a recepción farase diariamente dende as 8:15 horas.

A titular de Educación, Mercedes Rosón, anunciou a apertura do prazo de inscrición na Escola dende o sábado 21 de maio ao luns 6 de xuño, se ben se manterá aberta a posibilidade de participar ata que haxa prazas. Inicialmente hai 200 prazas, ampliables ata 250 se houbera demanda suficiente. A proposta está dirixida a estudantes empadroados en Santiago de 1º de primaria a 2º da ESO (ambos inclusive). Segundo sexa o seu nivel de inglés serán logo incluídos nun ou noutro grupo.

A Escola Municipal de Verán de Inglés combina as clases de inglés con obradoiros lúdicos, para aproveitar o tempo de actividade non escolar e practicar e mellorar o nivel de inglés, á vez que os rapaces utilizan este tempo para procurar novas relacións socializadoras. As xornadas dividiranse en tres bloques: un primeiro, a primeira hora da mañá, coa clase de inglés, como reforzo do aprendido durante o curso; un segundo de obradoiros adaptados a cada nivel; e un terceiro bloque con actividades lúdicas diversas, tales como saídas, xogos, manualidades ou contacontos.

Os obradoiros serán impartidos integramente en inglés, igual que o resto de actividades. Son moitas as opcións: creación literaria, cancións, teen life, magazine, role plays, artes plásticas, cociña elemental, xogos de linguaxe, english workshops, actividades deportivas ou xincanas. Tamén se realizarán saídas a lugares coma o mercado, os servizos do Concello, os museos ou calquera outro que se poida determinar.

Cada alumno recibirá, entre outros materiais, unha mochila e unha carpeta na que poderán gardar toda a información se lles vaia facilitando ao longo do curso, unha guía didáctica, un manual para pais e nais e, ao final, o correspondente diploma de participación.

Matrícula mensual ou quincenal
O prezo da matrícula para todo o curso (do 1 ao 29 de xullo) será de 160 euros. Aqueles que participen só durante unha quincena pagarán 100 euros. En ambos casos están fixados descontos do 20% para os que acrediten ser familia numerosa ou para os segundos ou posteriores membros da unidade familiar inscritos na Escola.

Os interesados teñen que presentar a súa solicitude no Rexistro Xeral do Concello (rúa Presidente Salvador Allende, 4 – baixo) ou nos rexistros auxiliares dos centros socioculturais de Fontiñas e do Ensanche. Máis información nesta web, nos teléfonos 981 554 400/401, no fax 981 571 511 ou na dirección electrónica dptoeducacion@santiagodecompostela.org.

A Concellería de Educación informará da obtención de praza unha vez rematado o prazo de inscrición. A matrícula quedará formalizada unha vez realizado o pagamento correspondente nos prazos establecidos.



Documentos relacionados
Tríptico informativo
Ficha de inscrición