mércores, 28 de setembro de 2022

1º Asemblea Ordinaria Xeral de persoas socias da Asociación de Nais e Pais do CEIP Lamas de Abade curso 2022-2023

 

Estimadas familias:

Convócase a 1º Asemblea Ordinaria Xeral de persoas socias da Asociación de Nais
e Pais do CEIP Lamas de Abade do curso 2022-2023.


Día: Xoves, 6 de outubro de 2022.
Hora: 16:00 (1ª convocatoria) 16:30 (2ª convocatoria)
Lugar: Salón de actos de CEIP Lamas de Abade.

ORDE DO DÍA:

1. Aprobación da Acta da Asemblea Ordinaria do 21/10/2021 e da Acta da Asemblea Extraordinaria

do 21/06/2022 .

2. Información sobre o estado de Contas da Asociación.

3. Información sobre as actividades extraescolares ofertadas pola ANPA.

4. Valoración do Servizo de Madruga e Comedor.

5. Problemas co trasporte escolar.

6. Incorporación de novos membros á Xunta Directiva.

7. Xornadas formativas organizadas pola ANPA para os/as pais/nais.

8. Rogos e preguntas.


Ese día, as familias que o precisen poderán facer uso dun servizo de garda, de xeito gratuíto e previa
reserva. Se ides facer uso deste servizo indicádeo a través dun correo ao enderezo electrónico da
ANPA anpaceiplda@gmail.com. O último día para solicitar o servizo é o luns, 3 de outubro.

Un saúdo

venres, 16 de setembro de 2022

Actividades definitivas curso 2022/2023

Estimadas familias:

Unha vez rematado, o pasado 12 de setembro, o prazo de inscricións para as actividades ofertadas pola ANPA e revisadas as solicitudes presentadas, enviámosvos o seguinte cadro onde podedes consultar as actividades que finalmente se poderán levar a cabo este curso. Todas as solicitudes que chegaron para estas actividades teñen praza.

Como podedes ver, NON se poden realizar por non chegar ao mínimo de usuarios necesarios: kárate, rítmoca de educación infantil, xogos predeportivos, ProyectoArte (1º - 6º), EmocionArte (E.I) e a ludoteca da Federación.

Tamén, por este motivo, faise un grupo único de futbiño (1º - 6º) unindo os grupos de futbiño (1º - 3º) e futbiño (4º - 6º). Esta actividade farase os martes e xoves, de 16:30 a 17:30.

As actividades comezarán o luns, 3 de outubro. 

Os nenos e nenas deberán traer roupa cómoda (chándal ou mallas), e no caso de rítmica (primaria) uns calcetíns, xa que a actividade realizarase sen calzado.

Os patíns deberán vir dentro dunha mochila, e poderán quedar no pavillón, nun baúl do que dispón a ANPA. Tanto a mochila como os patíns deberán vir marcados con nome e apelidos.

Recordade que non está permitido o acceso ao pavillón.

O pagamento das actividades extraescolares ofertadas pola ANPA realizarase mensualmente, entre os días 1 e 10 de cada mes.

A inscricións nas actividades supón a aceptación das normas xerais da ANPA que podedes consultar neste mesmo blog, no apartado de Normas Xerais. Polo tanto, segundo as mesmas, aquelas familias que non sexan socias da ANPA deberán abonar 27€ en concepto de matrícola.

Para claquera aclaración ou consulta podedes dirixiros a este correo ou á coordinadora Mamen (coordinadoralamas@gmail.com; teléf.:662382294)


 

xoves, 15 de setembro de 2022

Menús do mes de outubro de 2022.

Estimadas familias: 

 

Xa podedes consultar os menús do mes de outubro.

Recordade que podedes acceder a estes, e aos dos meses anteriores, no apartado MENÚ COMEDORES deste blog.

Un saúdo e moitas grazas.

mércores, 7 de setembro de 2022

Comunicación inicio de curso 2022-23.

 

Estimadas familias,

En primeiro lugar agardamos que todas esteades ben e que as vacacións foran reparadoras e serviran para coller forzas e ánimos para afrontar este curso que ten que servir para deixar atrás as incertezas e renuncias dos últimos cursos.

A continuación imos facer un pequeno resumo de como serán os horarios dos servizos que ofrecerá a ANPA dende o comezo do curso escolar.

Servizo Madruga

A entrada no Servizo Madruga será de 7:30 a 8:30, aínda que aquelas nenas e nenos que vaian almorzar terán que chegar antes das 8:20 para que teñan tempo a almorzar con tranquilidade e asearse antes de iniciar a xornada escolar. O resto chegará obrigatoriamente antes das 8:30.

Os nenos e nenas entrarán sós pola porta principal do centro, onde serán recollidos polo persoal da ANPA e acompañados ao lugar onde se prestará o servizo. Ao final do mesmo lavarán os dentes e a cara e serán acompañados ao lugar asignado polo Centro para que se incorporen ás súas aulas.

Deberán traer un neceser con cepillo e pasta de dentes, co seu nome escrito nun sitio visible.

Ademais, os nenos e nenas de infantil poderán traer un mandilón, que virá tamén co seu nome escrito nun lugar visible e que irá para casa os venres.

Servizo de Comedor.

O Servizo de Comedor será de 14:00 a 16:30. O persoal da ANPA recollerá aos nenos e nenas de infantil nas súas aulas e acompañaraos aos distintos comedores. Despois de comer serán acompañados aos aseos para realizar a hixiene persoal e o lavado de dentes.

Deberán traer un neceser con cepillo e pasta de dentes, co seu nome escrito nun lugar visible.

Ademais, os nenos e nenas de infantil poderán traer un mandilón, que virá tamén co seu nome escrito nun lugar visible e que irá para casa os venres.

A recollida do alumnado de infantil será pola porta principal do Centro a partir das 15:30.

Os nenos e nenas de primaria recolleranse a partir das 15:45 na porta do pavillón.

As familias deberán recoller aos nenos e nenas antes das 16:30. Haberá que entregar unha autorización previa no caso de que as familias queiran que veña outra persoa recoller aos seus fillos ou fillas. A persoa autorizada deberá acreditar a súa identidade antes de levar ao neno ou nena.

No caso de que puntualmente algún día se precise dieta especial, deberá comunicalo á coordinadora da ANPA entre as 8:00 e as 9:30 para poder facer os cambios pertinentes nos menús.

Como indicabamos no correo enviado o pasado 02/07/2022, na Asamblea Xeral da ANPA expúxose a necesidade de aumentar o custo dos servizos, polo que o prezo do comedor pasou a ser de 6 € ao día mentres que o servizo madruga é de 2 € ao día, con almorzo e de 1,90 € ao día sen almorzo.

Como sempre, os recibos serán enviados nas mochilas e o prazo para pagar será entre os días 1 e 10 de cada mes. Pregamos que nos fagades chegar os xustificantes de pagamento a través o correo da coordinadora da ANPA. (coordinadoralamas@gmail.com)

Recordamos tamén que neste curso a empresa que se fará cargo dos menús de infantil durante o curso será Barrigola.

Por último, queremos informar que a partir de agora o horario da coordinadora da ANPA será de 12:00 a 19:00 horas, e que calquera dúbida o incidencia que teñades só será atendida nese horario no teléfono 662 382 294. Lembrade que podedes tamén empregar o correo coordinadoralamas@gmail.com.

Nos próximos días achegaremos información sobre o pagamento da cota de socios e dos recibos do mes de setembro, así como sobre as actividades que comezarán no mes de outubro e outras novidades que poidan producirse. 

Un saúdo e moitas grazas.