martes, 26 de outubro de 2021

Menús do mes de novembro 2021.

 Estimadas familias, 

xa están á vosa disposición os menús dos comedores para o mes de novembro.

Recordade que podedes acceder a estes, e aos dos meses anteriores, no apartado MENÚ COMEDORES deste blog.

Un saúdo e moitas grazas. 





venres, 15 de outubro de 2021

A implicación das familias na prevención da violencia de xénero.

 Estimadas familias, 


A Federación de ANPAS Compostela organiza o martes, 19 de outubro, unha charla para afondar na participación activa das familias na prevención da violencia de xénero. 




Esta é a información que nos fixeron chegar para darlle a maior difusión posible:

CHARLA: A implicación das familias na prevención da violencia de xénero.
(Dirixida a familias do alumnado de Educación Infantil e Primaria)

A violencia de xénero é un problema estrutural e sistémico no que todas as institucións temos que implicarnos conscientemente. Nesta charla conversaremos sobre as formas nas que, sen nos decatar, podemos chegar a reproducir modelos, formas de pensar, estereotipos discriminatorios, ou alentar condutas que non propician o cambio que desexamos. Trataremos de comentar aspectos das relacións afectivas familiares que si inciden positivamente na eliminación desta violencia.

Relatora: Amada Traba, profesora da Universidade de Vigo.

Data: 19 de outubro de 2021
Hora: 17:30 horas
Lugar: Presencialmente no local da FANPA COMPOSTELA, Rúa Estocolmo, 8 - Compostela.
(O aforo do local é limitado polo que unha vez se chegue a 12 inscritos/as "presenciais", o resto de inscritas deberán asistir vía online)

As inscricións faranse en liña, cubrindo o seguinte formulario: https://forms.gle/ft5mnkwGdKnCiwSH8

Agardamos que esta información sexa do voso interese.

Un saúdo. 

xoves, 14 de outubro de 2021

Convocatoria da 1ª Asemblea Xeral Ordinaria (Curso 2021/2022)

 

Estimadas familias, tal e como vos fixemos chegar por correo electrónico, a próxima semana terá lugar a 1ª Asemblea Xeral Ordinaria (Curso 2021/2022) de persoas socias da Asociación de Nais e Pais do CEIP Lamas de Abade.



Día: Xoves, 21 de outubro de 2021.

Hora: 16:00 (Primeira convocatoria) 16:30 (2º convocatoria)

Lugar: No patio cuberto do centro (na parte de atrás)



ORDE DO DÍA:

  1. Aprobación, se procede, da acta da sesión anterior. Coa convocatoria fíxose chegar ás familias a acta da última reunión da Asemblea Xeral (27/10/2020, de maneira telemática) para que as persoas socias poidan realizar alegacións ou precisións á mesma.

  2. Información sobre o estado de contas.

  3. Información sobre o inicio do curso e funcionamento dos servizos de comedor e madruga.

  4. Organización de actividades extraescolares a partir do mes de novembro.

  5. Aprobación do documento de Normas Xerais, incluíndo o sistema de reserva, anulación e adxudicación de prazas naqueles casos nos que as solicitudes superen as prazas dispoñibles. (Achegouse o documento e incorporouse información no ANEXO da convocatoria)

  6. Incorporación de novas socias á Xunta Directiva. (Incorporouse información no ANEXO da convocatoria)

  7. Rogos e preguntas



Ese día, as familias que o precisen poderán facer uso dun servizo de ludoteca, de xeito gratuíto e previa reserva. Se ides facer uso deste servizo indicádeo a través dun correo ao enderezo electrónico da ANPA anpaceiplda@gmail.com.



Se algunha persoa socia non recibiu a convocatoria e o resto de documentación que vos fixemos chegar, pode poñerse en contacto coa directiva a través do enderezo electrónico anpaceiplda@gmail.com.



Nota: De acordo co artigo 24 dos Estatutos que regulan esta asociación, as asembleas quedarán validamente constituídas en 1ª convocatoria cando estean presentes a maioría dos socios/as e en 2ª convocatoria, sexa cal sexa o número de socios/as presentes. Os acordos tomaranse por maioría simple das persoas presentes ou representadas, cando os votos afirmativos superen aos negativos, non sendo computables a estes efectos os votos en branco nin as abstencións.



Un saúdo.

A xunta directiva da ANPA do CEIP Lamas de Abade.