venres, 18 de xuño de 2021

Banco de libros 2021/2022



Estimadas familias:


Un ano máis a ANPA pon en marcha o BANCO DE LIBROS para o vindeiro curso 2021-2022.


Como sabedes, esta iniciativa consiste en entregar aqueles libros de texto da vosa propiedade para que poidan ser empregados por outras rapazas e rapaces no seguinte curso. Trátase de facer un reparto xusto e equitativo, polo que as familias que incorporen exemplares ao banco de libros da ANPA terán dereito a recibir outros, sempre que haxa os que soliciten e intentando que todas as familias se beneficien dun xeito similar. Por último, a solicitude de libros é independente da doazón ou devolución, polo que calquera familia pode solicitar exemplares do Banco de Libros da ANPA. As familias non socias recibirán como máximo o mesmo número de libros que doen ao banco, a non ser que sobren existencias.


Para o curso 2021-2022 poderán aproveitarse todos os libros de 3º, 4º e 6º de primaria, ademais dos de música e lecturas de 1º e 2º. Este curso para 5º de primaria non haberá libros senón que as clases serán impartidas a través do proxecto E-DIXGAL, polo que os libros de 5º de primaria quedarán fora do banco, tanto para doazóns como para solicitudes.


A recollida dos libros doados e dos prestados no curso anterior será do mércores, 23 de xuño ao martes, 29 de xuño, en horario de 10:00 a 13:30. (Os días 23 e 28, tamén de 16:00 a 18:00).


Todos os libros, tanto os que sexan doazóns como as devolucións dos prestados o curso pasado, serán entregados, de maneira obrigatoria, co formulario debidamente cumprimentado.


Os libros serán depositados no espazo habilitado na parte de atrás do centro (patio cuberto) para que a coordinadora poida recollelos cumprindo coas medidas de distanciamento que poidan estar vixentes. En todo caso, ninguén poderá acceder ao interior do edificio.


No caso de non devolver nin doar ningún libro, o formulario poderá enviarse ao enderezo electrónico coordinadoralamas@gmail.com, antes do martes, 29 de xuño de 2021.


A preparación dos lotes será durante as primeiras semanas do mes de xullo. As familias recibirán unha comunicación na que se indicará que libros do banco de libros da ANPA lles corresponden para que poidan mercar os que lles faltan.


A entrega de libros realizarase do luns 26 de xullo ao venres, 30 de xullo, en horario de 10:00 a 13:30. (Os días 26 e 28, tamén de 16:00 a 18:00).


Recordade que só se poden doar os libros que sexan propiedade das familias, quedando fóra aqueles concedidos pola Consellería de Educación e que forman parte do Fondo de Libros do Centro. Por outra banda, os libros prestados pola ANPA o curso pasado deben ser devoltos obrigatoriamente á coordinadora da ANPA, e van identificados co distintivo da Asociación.


A persoas encargadas da xestión do banco comprobarán que os libros se atopan en bo estado (enteiros, limpos, borrados, etc), podendo rexeitar unha doazón ou demandando que o usuario repoña un exemplar prestado no caso de apreciar un deterioro por uso neglixente do mesmo.


Recordade, por último, que os libros doados pasan a ser do banco de libros da ANPA.



FORMULARIO





Atentamente,

A directiva da ANPA do CEIP Lamas de Abade.



xoves, 17 de xuño de 2021

Información xeral de peche de curso.

 Estimadas familias,

Achegamos un novo boletín informativo no que recollemos un pequeno resumo de como foi o curso 2020-2021 e avanzamos algunhas cuestións de cara ao próximo ano escolar. 

Iremos informando puntualmente sobre todas as novidades que se vaian producindo, sobre todo no referente á posibilidade de retomar as actividades extraescolares e a organización do servizo de comedor. 

Un saúdo, e moi feliz verán.





.

martes, 8 de xuño de 2021

Convocatoria das bolsas do Concello para comedor, adquisición de material escolar e realización de actividades durante o curso 2021-2022.

O martes 8 de xuño publicouse no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a convocatoria das bolsas do concello de Santiago de Compostela para comedor, adquisición de material escolar e realización de actividades durante o vindeiro curso 2021-2022. Toda a información está dispoñible na páxina WEB do concello, www.santiagodecompostela.gal.


Salientar que as familias que desexen solicitar bolsa este ano, dispoñen de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte á publicación no BOP, para presentar a súa solicitude no Concello, polo que o prazo comeza o 9/6/2021 e remata o 22/6/2021 (incluído).


Por último informar que tal e como ten feito estes anos, esta ANPA presentará a solicitude para actuar como entidade colaboradora do concello para a xestión destas axudas.


A continuación tedes as bases da convocatoria en formato PDF.





Bases reguladoras e convocatoria para o curso 2021/2022.