martes, 11 de maio de 2021

Boletín mensual de maio.

 

Estimadas familias:

Queremos facervos chegar algunhas novidades que coidamos que poden ser do voso interese.

Como sabedes, xa está en marcha a matriculación para o curso 2021-22, polo que recibimos algunhas preguntas relativas aos servizos que ofrecerá a ANPA o próximo ano. Podemos adiantarvos que mantivemos unha primeira reunión con Hostalaría e nos comunicaron que para o próximo curso nos ofrecerán o mesmo número de prazas (160), pero que contan que a situación de inicio de curso non vai variar moito da situación actual, co que non poden asegurar que vaian a poder preparar e servir os menús eles mesmos.

Por outra banda, non hai noticias sobre se a Consellería vai modificar Protocolo de adaptación ao contexto da Covid-19 nos centros de ensino non universitario de Galicia. Entendemos que todo dependerá da evolución nos próximos meses e que as cousas poden cambiar, pero preferimos non adiantar acontecementos nen ofrecer servizos que despois non poidan levarse a cabo.

Polo tanto, na última reunión da Xunta Directiva acordamos que o próximo curso ofreceremos os mesmos servizos que estamos ofrecendo a día de hoxe (Madruga e comedor) e da mesma maneira. Seguiremos con dúas quendas nos comedores de infantil e primaria, e o servizo será ofrecido pola empresa Ruta Jacobea. Ademais este verán tampouco haberá campamento organizado pola ANPA (aínda que informaremos sobre outros campamentos organizados por outras entidades) e o próximo curso iniciarase, de momento, sen ningún tipo de actividades extraescolares.

De todos modos informaremos sobre calquera cambio que se vaia producindo nos próximos meses e no momento da solicitude de comedor e do servizo madruga, que será nas primeiras semanas de xuño, daremos conta polo miúdo sobre todas as novidades que poidan producirse.

Agardamos que esta información sexa útil e resulte do voso interese, e recordámosvos que podedes facernos chegar as vosas dúbidas ou propostas ao enderezo anpaceiplda@gmail.com.



Atentamente

A directiva da ANPA do CEIP Lamas de de Abade.