venres, 28 de maio de 2021

Inscrición comedor e servizo madruga curso 2021/2022

 

Estimadas familias

Como todos os anos, no mes de xuño abriremos o prazo para facer a reserva de prazas dos servizos de comedor e madruga para o curso 2021/22. Como vos adiantabamos fai unhas semanas, pola información da que dispomos o próximo curso comezará cunhas medidas moi similares ás que están vixentes a día de hoxe polo que de momento non se organizarán ningún tipo de actividades extraescolares. No comedor manterase o sistema de quendas e os menús serán servidos por unha empresa de cátering.

A reserva de prazas será do 1 ao 18 de xuño, e os formularios deberán enviarse por correo electrónico (*) á coordinadora (Mamen) a través do enderezo coordinadoralamas@gmail.com.

O número de prazas do que dispomos é de 160 no comedor de Hostalaría e de 50 no comedor do Centro. Intentaremos manter os grupos tal e como estiveron no último curso, pero até saber exactamente o número de solicitudes non podemos informarvos sobre como quedan as quendas e que cursos xantarán en cada un dos comedores.

No caso de superar o número máximo de prazas, teremos que aplicar o BAREMO aprobado na Asamblea Xeral Extraordinaria do 7/03/2018, na que se estableceron os seguintes criterios:

1º Días de uso do comedor no ano anterior: Entre 160 e 180 días - 10 ptos.; 140-160 días: 9 ptos.; 120-140 días: 8 ptos.; 100-120 días: 7 ptos.; 80-100 días: 6 ptos.; 60-80 días: 5 ptos.; 40-60 días: 4 ptos.; 20-40 días: 3 ptos.; 0-20 días: 1 pto.

2º Familia socia no curso 2020/2021: 1 punto.

3º Irmán/á usuario do comedor no 2020/2021: 2 puntos.

De ter que aplicar este baremo, e tendo en conta a situación excepcional durante último ano, no primeiro criterio teranse en conta os días de uso do comedor durante o curso escolar 2019/20. No caso de novas familias socias que se incorporaran ao servizo no último curso, os días que se terán en conta serán os do curso escolar 2020/21.

A reserva é anual, e farase por días da semana, tendo prioridade as reservas de todos os días do curso sobre as de días fixos da semana, e estas sobre calquera outro tipo de solicitude. Ao longo do curso só estarán permitidos cambios puntuais, sempre que se avise antes do día 20 do mes anterior ao cambio, o que permitirá non ter que aboar o servizo. Se os cambios son comunicados despois desa data, os importes terán que ser aboados polas familias aínda que non utilicen o servizo. Estes cambios puntuais refírense a imprevistos que non supoñan un cambio substancial respecto do reservado.

Ao igual que fixemos o curso anterior, de maneira excepcional fixamos o 23 de setembro como data límite para anular ou modificar a reserva inicial. Pregamos, sen embargo, que no caso de que vaiades darvos de baixa dalgún servizo enviedes un correo electrónico ao enderezo anpaceiplda@gmail.com á maior brevidade posible, e en todo caso antes do inicio do curso para días do mes de setembro.

Os usuarios de cuarto de infantil farán, ao igual que o resto de familias, a reserva para todo o ano, e cando coñezan cal será o horario do seu período de adaptación deberán poñerse en contacto coa coordinadora para anular os días que non precisen usar.

En canto ao custo dos servizos, decidiuse manter os prezos. Deste modo,o servizo madruga custará 1,9 € por usuario e día mentres que o custo do menú diario será de 5,7 €. Os recibos deberán pagarse antes do día 10 de cada mes. Recordamos que non estar ao corrente dos pagos, pode implicar, previa comunicación á familia, a non prestación do servizo.

Por último, recordarvos que é preciso informar á coordinadora sobre calquera intolerancia alimentaria ou alerxia.


Folla de inscrición COMEDOR.

Folla de inscrición MADRUGA.

Información.

(*) Nota:

Os formularios pódese enviar electrónicamente seguindo uns sinxelos pasos. Unha vez cuberto e asinado iremos á pantalla de impresión, pero escolleremos a opción de “Guardar como pdf”, “Microsoft Print to PDF” ou similar e gardaremos o documento no ordenador. Ese arquivo conterá o formulario cuberto e será o que se debe enviar ao enderezo da coordinadora da ANPA coordinadoralamas@gmail.com.


Atentamente

A directiva da ANPA do CEIP Lamas de de Abade.


martes, 11 de maio de 2021

Boletín mensual de maio.

 

Estimadas familias:

Queremos facervos chegar algunhas novidades que coidamos que poden ser do voso interese.

Como sabedes, xa está en marcha a matriculación para o curso 2021-22, polo que recibimos algunhas preguntas relativas aos servizos que ofrecerá a ANPA o próximo ano. Podemos adiantarvos que mantivemos unha primeira reunión con Hostalaría e nos comunicaron que para o próximo curso nos ofrecerán o mesmo número de prazas (160), pero que contan que a situación de inicio de curso non vai variar moito da situación actual, co que non poden asegurar que vaian a poder preparar e servir os menús eles mesmos.

Por outra banda, non hai noticias sobre se a Consellería vai modificar Protocolo de adaptación ao contexto da Covid-19 nos centros de ensino non universitario de Galicia. Entendemos que todo dependerá da evolución nos próximos meses e que as cousas poden cambiar, pero preferimos non adiantar acontecementos nen ofrecer servizos que despois non poidan levarse a cabo.

Polo tanto, na última reunión da Xunta Directiva acordamos que o próximo curso ofreceremos os mesmos servizos que estamos ofrecendo a día de hoxe (Madruga e comedor) e da mesma maneira. Seguiremos con dúas quendas nos comedores de infantil e primaria, e o servizo será ofrecido pola empresa Ruta Jacobea. Ademais este verán tampouco haberá campamento organizado pola ANPA (aínda que informaremos sobre outros campamentos organizados por outras entidades) e o próximo curso iniciarase, de momento, sen ningún tipo de actividades extraescolares.

De todos modos informaremos sobre calquera cambio que se vaia producindo nos próximos meses e no momento da solicitude de comedor e do servizo madruga, que será nas primeiras semanas de xuño, daremos conta polo miúdo sobre todas as novidades que poidan producirse.

Agardamos que esta información sexa útil e resulte do voso interese, e recordámosvos que podedes facernos chegar as vosas dúbidas ou propostas ao enderezo anpaceiplda@gmail.com.



Atentamente

A directiva da ANPA do CEIP Lamas de de Abade.