mércores, 20 de xuño de 2018

Banco de libros da ANPA


Estimadas familias:
Un ano máis a ANPA pon en marcha a finais deste curso un “BANCO DE LIBROS”, para poder usar no vindeiro curso 2018-2019. Esta iniciativa consiste en entregar os libros que sexan da vosa propiedade (mercados polas familias) utilizados neste curso polos vosos fillos e fillas e, a cambio, pódense recibir libros do próximo curso, deste BANCO DE LIBROS DA ANPA.
Como podedes imaxinar, organizar isto non é un proceso sinxelo e require da boa vontade e colaboración de todas as persoas interesadas.
O máis importante é pensar que podemos entregar os libros que xa non imos necesitar e permitir que outra persoa os utilice. Só se poden entregar os libros que sexan propiedade das familias, quedan fóra deste sistema, os libros concedidos pola Consellería de Educación.
As persoas que entreguen os libros, terán dereito a recibir outros, sempre que os haxa. Trátase de facer un reparto equitativo e xusto para todas as persoas.
As persoas encargadas de recollelos comprobarán que os libros se atopan en bo estado (enteiros e limpos: borrados, etc). Os libros deben coidarse e entregarse de novo en bo estado ( ou repoñeranse polo usuario ) ao final do próximo curso. Os libros pasan a ser do banco da ANPA, non son do colexio.
PARA O PRÓXIMO CURSO SERVEN OS MESMOS LIBROS QUE NO CURSO ACTUAL.

Datas de recollida de libros:             Do 26 ao 29 de xuño; en horario de 15:00 a 16:00h.
Preparación de lotes en xullo (despois da publicación do listado do Fondo Solidario de libros).
Datas de entrega de libros:               Do 26 ao 30 de xullo, en horario de 15:00 a 16:00h.
Para facilitar unha maior organización e non interromper o traballo das monitoras rogamos que se cumpra cos horarios establecidos para a recollida dos libros. Fóra deste horario non atenderase ningunha consulta.
Unha vez máis, agradecemos a vosa colaboración.
PARTICIPA
Pódese descargar o formulario aquí