luns, 19 de xullo de 2021

Banco de libros


Estimadas familias, 

en primeiro lugar queremos agradecer a vosa participación no Banco de Libros da ANPA.

Unha vez recibidas todas as doazóns e feito o reparto, a coordinadora indicounos que se puxo en contacto con cada unha das familias para informar dos libros da ANPA que vos corresponden.

Indicounos tamén que quedan algúns libros no banco, polo que se non fixestes a solicitude no seu momento, ou se coñecedes a algunha familia que poida estar interesada, debedes poñervos en contacto coa coordinadora da ANPA a través do enderezo electrónico coordinadoralamas@gmail.com.

Por último, recordade que a entrega de libros será, igual que a recollida, no espazo habilitado na parte de atrás do centro (patio cuberto), do luns 26 de xullo ao venres 30 de xullo, en horario de 10:00 a 13:30. ( Os días 26 e 28 tamén de 16:00 a 18:00).

Un saúdo e moitas grazas pola vosa colaboración.



xoves, 15 de xullo de 2021

Comedor e servizo madruga 2021-2022.

 

Estimadas familias, unha vez rematado o prazo de inscrición nos servizos de comedor e madruga para o curso 2021-2022 queremos informarvos que todas as solicitudes están admitidas, e que tedes reservados os días de uso que marcastes nos formularios.

Recordámosvos que para dar cumprimento ao protocolo de adaptación ao contexto do COVID-19 nos centros de ensino non universitario de Galicia para o curso 2021-2022 (publicado pola Consellería o 06/07/2021), os servizos serán prestados da mesma maneira que durante o curso pasado.

Informaremos puntualmente sobre calquera cambio que puidera producirse e antes de que comecen as clases achegaremos toda a información sobre a organización dos servizos, as quendas, os horarios e os lugares de recollida, dependendo sempre das posibles modificacións que vaia establecendo a Consellería de Cultura, Educación e Universidade para o curso 2021-2022.

Se por algún motivo tedes que darvos de baixa ou anular días de comedor ou madruga, pregamos que o fagades o antes posible, e de maneira obrigatoria antes do 6 setembro para os días do mes de setembro. Lembrade que a reserva é anual e que excepcionalmente este ano fixamos o 23 de setembro como data límite para anular días da solicitude inicial. O enderezo electrónico da coordinadora da ANPA é coordinadoralamas@gmail.com.

Un saúdo e feliz verán.