mércores, 16 de setembro de 2020

Comunicación inicio curso 2020/2021

 Estimadas familias

En primeiro lugar agardamos que todos e todas esteades ben e que o comezo do curso fose da mellor maneira posible, tendo en conta a novas rutinas e distanciamentos que debemos respectar.

Como xa vos informamos por correo electrónico, a pesar das incertezas iniciais e dos cambios nas instrucións recollidas no Protocolo de adaptación ao contexto da COVID19, este curso será posible ofrecer o servizo de comedor e de madruga a todas as familias que o solicitaron. Para conseguir que ningún usuario quedara fóra, tivemos que establecer un sistema de quendas que sabemos que pode causar algún contratempo a algunha familia, sobre todo a aquelas que tendes aos vosos cativos e cativas en quendas distintas. Neste sentido, e para facilitar un pouco as cousas, decidiuse que os usuarios da primeira quenda poderán ser recollidos, igual que os da segunda, até as 16:30.

A continuación imos facervos un pequeno resumo de como queda a situación e os horarios dos dous servizos que ofreceremos dende o comezo de curso. Adiantamos xa que de principio non ofreceremos ningún tipo de actividade despois do comedor. As medidas concretas que habería que adoptar para levalas a cabo e a responsabilidade que dende o Protocolo fan recaer sobre as directivas das ANPA desaconsellan, de momento, artellar ningún tipo de actividade. Esta decisión está en consonancia coa decisión adoptada pola inmensa maioría das ANPAS da contorna.

En canto ás quendas do comedor, as horas de recollida quedan da seguinte maneira.

Comedor de infantil

1ª quenda: a partir das 15:00

2ª quenda: a partir das 16:00

 

Comedor de Hostalaría

1ª quenda: a partir das 15:15

2ª quenda: a partir das 16:15

 

A hora máxima de recollida serán ás 16:30. Somos conscientes de que para moitas familias pode resultar difícil conciliar os seus horarios, pero temos que insistir en que respectedes de maneira rigorosa o horario de saída. Os alumnos de infantil recolleranse na porta principal do centro mentres que os de Primaria sairán pola porta do pavillón.

As quendas establecidas, tal e como recolle o Protocolo, serán fixas durante todo o curso escolar polo que non existirá a posibilidade de cambialas baixo ningunha circunstancia.

No tocante ao Servizo Madruga, a entrada farase dende ás 7:30 ás 8:30, aínda que aqueles usuarios que vaian almorzar terán que chegar antes das 8:20. Os nenos e nenas serán recollidos na porta do Centro xa que de momento non está permitida a entrada no recinto escolar.

Todas as modificacións que por causa da COVID19 tivemos que facer na prestación dos servizos están recollidas no Protocolo de actuación da ANPA que forma parte do Protocolo do Centro e que publicaremos en breve no blog da asociación.

Debido ás situacións excepcionais deste curso, a equipa directiva decidiu que o prazo para anular ou modificar os días de uso do comedor será até o 23 de setembro. Pregamos, sen embargo, que no caso de que vaiades darvos de baixa dalgún servizo enviedes un correo electrónico ao enderezo anpaceiplda@gmail.com á maior brevidade posible. Tamén decidimos que aqueles usuarios que debido a un confinamento non poidan asistir a clase non terán que pagar o importe dos servizos durante os días nos que dure o confinamento. Será o centro o que nos informe dos usuarios que están afectados por este tipo de confinamento xa que segundo se establece no Protocolo as familias deberán informar aos centros desta circunstancia.

En canto ao custo dos servizos decidiuse manter os prezos e as cotas do ano pasado.

O prazo para pagar a cota de socio (27 €) e o seguro (6 €) amplíase de maneira excepcional até o xoves, 15 de outubro. Enviarase un correo electrónico informando sobre a maneira de facer o pagamento, así como o formulario de inscrición para as familias novas ou aquelas que teñan que facer algún cambio nos seus datos.

En canto aos recibos do Comedor e do Servizo Madruga, a partir do 25 de setembro recibiredes o  do mes de setembro. Para o resto do curso, os pagamentos realizaranse entre os días 1 e 10 de cada mes. Os recibos deben enviarse á conta de correo electrónico coordinadoralamas@gmail.com.

 

Atentamente.

A Xunta directiva da Anpa e Club Deportivo Lamas de Abade