venres, 22 de maio de 2015

REXEITAMOS A REVÁLIDA DE 3º DE PRIMARIA


Os nenos e nenas de 8 anos que están a estudar 3º de primaria van ter este ano unha nova proba de obstáculos; a finais do mes de maio terán que facer un exame que, segundo a consellería, servirá para "orientar e informar". Na Confederación ANPAS GALEGAS pensamos que se a Administración quere ter información sobre a educación dos nosos fillos e fillas, o que ten que facer é preguntarlle ó profesorado e ás familias, e respectar a avaliación continua que fan os profesionais do ensino público
As familias galegas opinamos que a proba de avaliación individualizada de terceiro de primaria que establece o art. 20.3 da LOMCE, e que se van celebrar en Galicia a finais do mes de maio e inútil e innecesaria e rexeitámola porque:
É innecesario someter aos nenos e nenas a un exame do que os seus resultados non aportarán absolutamente ningunha información máis aló da que se podería conseguir consultando aos seu profesorado.Ninguén mellor que este para coñecer as carencias, potencialidades, habilidades e capacidades e dos medios, recursos e apoios necesarios para mellorar a súa aprendizaxe.
Afonda na xerarquización do coñecemento, limitándose a avaliar o ámbito lingüístico e matemático, menosprezando a adquisición doutras competencias, do campo artístico, musical e físico, refusando o ensino da nosa historia e medio natural, e desprezando a nosa lingua, que só serve para ser autoavaliada.
Esa orientación do curso cara a un exame final incidirá na inclusión da diversidade, xa que aquel alumnado que teña adaptación curricular ou non teña competencia lingüística abonda fará a proba pero os seus resultados non contarán na avaliación do conxunto.
Despreza o traballo dos docentes, despoxándoos da súa capacidade de avaliación do seu propio alumnado e orientándoo a preparación do alumnado para a obtención da mellor nota posíbel na avaliación final, favorecendo a marxinación doutros aspectos educativos fundamentais nesta etapa educativa
Desprézanos tamén ás familias, que somos consideradas nesta Lei, como elementos externos aos que hai que informar única e puntualmente do grao de adquisición das competencias avaliadas; e non como axentes activos que participamos na educación dos nosos fillos e fillas.
Responde a pretensión de establecer categorías de centros públicos, de profesionais do ensino e mesmode zonas xeográficas, coa intención futura de diversificar discriminadamente os investimentos educativos.
Pretende ir afirmando un sistema educativo competitivo, clasista e segregador que vai excluíndo os sectores máis desfavorecidos da educación.
Por todo iso defendemos a avaliación continuada e aos profesionais que a realizan, e rexeitamos as probas de terceiro de primaria.


Poñemos á vosa disposición unha explicación do que en teoría implica a reválida, seguida do razoamento sobre o que significará realmente para os nenos, os mestres, o centro, os pais e mesmo ó resto de contribuíntes. Podendes descargala premendo no seguinte enlace:

Pedímosvos que protestedes contra esta proba cumplimentando a seguinte carta de protesta que logo poderedes entregar no centro. Ademáis de un  medio para expresar a nosa repulsa, supón a una solicitude de pleno dereito para que os datos do noso fillo sexas excluídos do ficheiro denominado avaliación do sistema educativo.